A deputada de Turismo Nava Castro, xunto á alcaldesa de Salvaterra, un dos seis concellos polos que atravesa o 'Camiño de Taverneiro' cara Compostela ademais de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Pazos de Borbén, Ponteareas e Ponte Caldelas, presentou en Patrimonio da Xunta un estudo previo para que a Dirección Xeral poida analizar a característica orixinal recoñecible do Camiño que esixe para ser declarado Vía Cultural.
Xunto ao estudo previo a deputada provincial tamén entregou en Patrimonio copia dos acordos plenarios aprobados nos seis concellos da provincia polos que atravesa o Camiño de Taverneiro coa proposta para incoar o expediente para a declaración da ruta como Vía Cultural.
"Existe unha proposta conxunta de seis concellos para obter esta distinción e impulsar, deste xeito, a promoción e divulgación dunha ruta que ofrece un patrimonio cultural, relixioso e cultural moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros", asegurou a deputada.
A partir de agora, Patrimonio analizará a documentación para estudar a característica turística e cultural orixinal e recoñecible do roteiro e iniciar, así, o procedemento para a súa declaración como Vía Cultural.
A ruta debe o seu nome a Ignacio Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas, que faleceu en 1784 na Estrada despois de realizar o percorrido. Conta con 5 etapas entre Salvaterra e Compostela, cun total de 130 quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, tanto a pé como a cabalo e en bicicleta.
A primeira destas etapas, de 24 km, arranca en Salvaterra e transcorre ata Padróns (Ponteareas), á que segue unha segunda de 26 km desde este lugar a Ponte Caldelas. A partir deste punto continúa nunha terceira etapa de 25 km ata Pedre (Cerdedo-Cotobade), a cuarta (24km) entre Pedre e A Estrada e por último, desde este concello sae a quinta etapa, de 31km cara a Santiago.