Despois da reunión mantida este xoves entre alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o director xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández Palomino, chegouse a un acordo para transformar a estrada nacional N-550 nun corredor verde e así facela máis segura.
O alcalde deu a coñecer este venres os avances, entre os que están incluídos a realización dun carril bici, a vertebración, o acougado de tráfico ou a mobilidade.
"O día de onte é o punto de partida dun camiño longo que xa non ten volta atrás, conseguimos o máis difícil" indicou o rexedor, quen explicou que se trata de "un paso xigante para Arcade" xa que "por primeira vez ábrese un expediente formal de traballo para acabar cunha barreira que dividía e hipotecaba o futuro de Soutomaior". Con isto iníciase "unha senda de traballo que será complexa e ilusionante", subliñou.
Durante a presentación da proposta da avenida Castelao, Lourenzo lembrou que a estrada actúa como barreira para a poboación e restrinxe o transito peonil transversal. Conta cun elevado número de accidentes, soporta a diario tráfico de pesados e alta velocidade de vehículos, ten discontinuidad nas beirarrúas, espazo non accesible e beirarrúas estreitas, ademais de baixa visibilidade en pasos de peóns. Tamén necesita, segundo o alcalde, unha infraestrutura ciclista segura.
Por estes motivos, os obxectivos da proposta son claros. Queren transformar a estrada nunha rúa, pacificar e acougar o tráfico e aumentar a calidade urbana, ambiental e paisaxística. Tamén buscan mellorar a coexistencia entre as persoas e os vehículos, integrar a paisaxe, reducir accidentes, mellorar o tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago e conseguir un espazo atractivo para os peóns.