Malas noticias para Sanxenxo. O incremento da incidencia da covid-19 no municipio, ao longo desta última semana, levou a Sanidade a elevar o seu nivel de restricións. Será o único municipio da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés situado no nivel alto.
No últimos sete días, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, detectáronse 24 novos casos de covid-19 e a súa incidencia a 14 días creceu ata os 183. Este aumento está detrás da decisión das autoridades sanitarias.
Sanxenxo será, a partir das 00:00 horas do venres 26 de marzo, un dos sete municipios galegos en nivel alto de restricións. Nel, dentro da provincia, tamén está Baiona.
En todos eles, segundo a normativa vixente en Galicia, a hostalería non poderá servir nos seus espazos interiores e as súas terrazas estarán limitadas ao 50%.
O resto de restricións non cambiarán e seguirán tendo mobilidade co resto de concellos de Galicia, excepto os dous que se sitúan en nivel extremo: Beade e Maside.
Pola súa banda, no nivel medio manterase por agora Soutomaior. Alí, os bares poderán abrir cun 50% de ocupación nas súas terrazas e cun 30% no seu interior.
O resto da área sanitaria mantense sen cambios, no nivel medio-baixo de restricións.