Paseo sensorial polos xardíns de Pontevedra

Pontevedra
26 de xaneiro 2015

Os alumnos de dirección do segundo curso do Ciclo Superior de Guía Información e Asistencia Turística do CIFP Carlos Oroza fixeron un achegamento á flora ornamental do entorno da Alameda

Clase práctica de Jaime Blanco cos alumnos do Carlos Oroza Mónica Patxot

Ás nove da mañá deste luns iniciouse unha clase práctica polos xardíns de Pontevedra. Os alumnos de dirección do segundo curso do Ciclo Superior de Guía Información e Asistencia Turística do CIFP Carlos Oroza fixeron un achegamento á flora ornamental do entorno da Alameda. Foi un paseo da man do recentemente galardoado co Premio Cidade de Pontevedra Jaime Blanco, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois e coautor do libro Pontevedra, As árbores da cidade.

O percorrido comezou nos xardíns do Doutor Marescot, ao carón da Subdelegación do Goberno, e seguiu polos xardíns de Vicenti e o parque das Palmeiras, analizando tódolos atractivos e valores que agocha este moi especial recuncho da cidade.

Jaime Blanco colaborou na formación destes estudantes, ampliando o coñecemento e amosando as características das variadas árbores que son fermosos e valiosos recursos vivos da Boa Vila, e que moitas veces pasan desapercibidos para os visitantes e turistas que se achegan a Pontevedra, mesmo para os cidadáns da cidade.

As profesoras responsables da actividade, Tina Otero e María Morales explicaron que esta actividade tamén pretende que os alumnos saiban cómo acompañar a persoas invidentes por algúns espazos públicos axudando a interpretalos.

Foi unha visita moi sensorial, "xa que a interactuación ten que ser total, a información non só lles ten que entrar polo oido, tamén o olfato, o tacto, e degustar, que para iso temos cociñeiros no noso centro", dixo Tina Otero.

O primeiro ano foron as prazas do centro histórico, logo seguiu a igrexa de San Francisco e agora esta actividade. Para o mes de marzo está prevista unha saída con asociados da ONCE para poñer en práctica todo o aprendido despois do traballo de campo e na aula.