Pasarrúas, artesanía e o Memorial Ricardo Portela inauguran as Festas de Verán

Pontevedra
17 de xullo 2020

As Festas de Verán de Pontevedra xa están aquí. Tras o aperitivo que supuxo o tradicional San Benitiño, esta fin de semana concéntranse as primeiras actividades dunha programación festiva que se prolongará ata finais de agosto

Memorial Ricardo Portela 2020 Mónica Patxot

As Festas de Verán de Pontevedra xa están aquí. Tras o aperitivo que supuxo o tradicional San Benitiño, esta fin de semana concéntranse as primeiras actividades dunha programación festiva que se prolongará ata finais de agosto.

Así o anuncian os pasarrúas que desde primeira hora da tarde deste venres 17 de xullo percorren diferentes lugares da cidade, as formacións Airiños do Petouto, Maraghotas, Os Gaiteiros da Rías Baixas e Os Muiñeiros do Sarela.

A principal cita da fin de semana é o XXI Memorial Ricardo Portela, un ciclo consolidado na programación festiva e que, como o resto de actividades, modificou o seu formato para adecuarse ás medidas sanitarias.

O Paseo Antonio Odriozola abriu ás 17.00 horas a XVIII mostra de artesáns de instrumentos tradicionais con participantes como Xaneco Tubío, Oli Xiráldez, José Presedo, Alberto Pires, Queima, O Chilro, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarika, Lorena Reinaldo, Luís Martínez e Tunhas.

En canto á parte musical, ás 21.00 horas abría o Memorial o concerto de Fiandola, nunha Praza da Ferraría adaptada ao protocolo Covid, con aforo limitado nun recinto acoutado e con cadeiras para que os espectadores permanezan sentados en todo momento. Cadeiras, escenario, camerinos e zona de control son desinfectadas antes e despois de cada espectáculo, segundo a normativa aprobada para a celebración das festas.

O Memorial Ricardo Portela terá continuidade este sábado con máis mostra de artesanía (11.30 a 14.00  horasy de 17.30 a 21.30 horas), novos pasarrúas, a homenaxe a Felicia Insuela (21.00 horas) polo seu labor de fomento da música tradicional e o concerto a continuación de Meliados.

A entrada ao recinto abrirá unha hora antes de cada espectáculo e será de balde, como afai a ser na programación das Festas de Verán.

Arquivado en