Party Fiesta elude en Pontevedra o peche de tendas da cadea en toda España

Pontevedra
07 de agosto 2024

Tanto a tenda de Pontevedra como a de Vigo son franquías e teñen a mesma propietaria. Ambas evitan pechar. De momento, non saben como xestionarán cuestións como o nome que terá a tenda. Son as dúas máis antigas da cadea en España

Tenda de Party Fiesta en Benito Corbal Mónica Patxot

A tenda da cadea Party Fiesta situada na rúa Benito Corbal correrá mellor sorte que a maioría de establecementos desta marca no resto de España. A compañía anunciou o peche das súas tendas e o despedimento de 140 persoas, pero Pontevedra elude este peche ao tratarse dunha franquía. 

Así o confirmaron a PontevedraViva responsables da tenda pontevedresa. Segundo explican, tanto a tenda de Pontevedra como a de Vigo son franquías e teñen a mesma propietaria. Ambas evitan pechar.

De momento, non saben como xestionarán cuestións como o nome que terá a tenda, pois a compañía presentou concurso de acredores e solicitou ao xuíz a liquidación do negocio, o que comportaría que o nome non poderá utilizarse. Para definilo, teñen pendente unha reunión coa central "a próxima semana".

Esta tenda está dedicada á venda de disfraces e artigos para celebracións e, segundo explican desde a tenda pontevedresa, a franquicidada de Vigo e Pontevedra xa levaba un tempo usando outros provedores, de modo que garante que, pese ao peche de Party Fiesta central, terán stock e os mesmos produtos que ata o de agora ao dispor dos clientes. 

Con este proceso concursal, Party Fiesta pon fin aos seus 30 anos de vida. A primiera tenda abriu en 1994 no centro comercial L'Illa e logo converteuse nunha cadea que chegou a ter máis de 100 tendas, 400 empregados e presenza en Francia, Alemaña, Reino Unido ou Marrocos.

Na actualidade, segundo indican desde a tenda de Benito Corbal, "Pontevedra e Vigo son as tendas máis antigas de Party en España", a de Vigo nos anos máis antiga que a pontevedresa.

A noticia do peche de todos os Party Fiesta levou nos últimos días a que moitos clientes se achegasen pola tenda de Benito Corbal para preguntar. "Querían saber se pechamos", explican.

Moitos tamén chamaron porque nas tendas non franquiadas que si que pechan anuncian descontos e "queren saber se aquí tamén temos". A resposta é negativa, debido a que eles seguirán funcionando con normalidade.