Navieira Mar de Ons conectará Combarro coa Illa de Tambo por primeira vez durante esta semana Santa. Esta illa comezou a recibir os seus primeiros visitantes o verán pasado e será a primeira vez que os acolla durante a Semana Santa.
En concreto, os interesados contarán con saídas desde o xoves 6 e ata o domingo 9 de abril, ambos inclusive, desde o porto de Combarro. A visita, de máis de 3 horas de duración, inclúe un roteiro guiado durante a cal os visitantes poderán percorrer a pé esta fermosa illa situada na Ría de Pontevedra. As saídas desde Combarro son ás 10:45 horas e os regresos desde a Illa de Tambo ás 14:00 horas.
O prezo para os billetes de adulto, ida e volta, será de 12,50 euros e 6 euros para os nenos entre 5 e 12 anos. A tarifa inclúe tamén a visita guiada. Os menores de cinco anos poderán facer a excursión gratis.
A venda de billetes está xa dispoñible a través da páxina web de Mar de Ons. Para viaxar á Illa de Tambo é imprescindible xestionar a autorización de acceso. Dita autorización é gratuíta e imprescindible para poder realizar a excursión.
Mar de Ons recomenda a todos os interesados que reserven os seus billetes e retiren o permiso de visita con antelación suficiente, pois estas primeiras expedicións contan con prazas moi limitadas. Tamén lembran que viaxen con roupa e calzado cómodo para gozar do roteiro e que na illa non hai papeleiras, polo que cada viaxeiro deberá traer os seus residuos ao porto de orixe.
ILLA DE ONS
Navieira Mar de Ons tamén realiza viaxes á Illa de Ons desde o porto de Combarro durante esta semana Santa, sumándose así aos portos de Pontevedra, Bueu, Portonovo, Sanxenxo e Vigo para gozar deste enclave do Parque Nacional entre o xoves 6 e o domingo 9 de abril.