Paro total na estación de autobuses de Pontevedra

Pontevedra
31 de marzo 2023

O sector do transporte colectivo por estrada logrou un éxito no seguimento da folga en toda Galicia paralizando a actividade nas estacións e provocando que moitas persoas usuarias tiveran que recorrer aos trens e aos taxis para realizar os seus traslados durante a xornada deste venres 31

Xornada de folga no transporte colectivo na estación de autobuses de Pontevedra UGT

"Un éxito", afirma Isaac Gutiérrez, secretario xeral da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo de UGT en Pontevedra, ao analizar a xornada de folga convocada polas centrais sindicais CCOO, CIG e UGT no sector de transporte colectivo por estrada durante este venres 31 en toda Galicia.

Así se comprobaba durante toda a xornada na estación de autobuses de Pontevedra onde apenas había movemento de pasaxeiros e tampouco se achegaban autobuses ás cocheiras.

Os pasaxeiros tiveron que buscarse outras alternativas para os seus desprazamentos, maioritariamente o tren e, nalgúns casos, taxis ou coches particulares compartidos.

"Estamos a estudar por parte de todos os sindicatos denunciar os servizos mínimos", afirma Gutiérrez ao entender que a Xunta de Galicia estableceu uns criterios "abusivos" nesta folga.

A pesar da tensión polos servizos mínimos marcados, a xornada transcorreu sen incidencias e os piquetes trasladaban a información aos condutores de autobuses que tentaban realizar os traxectos establecidos neses servizos mínimos. Isaac Gutiérrez mostrábase "contento pola participación porque é un sector ao que sempre lle custou unirse na provincia".

Os traballadores do sector protestan porque os soldos non se actualizan nos últimos anos e a patronal só ofrece un incremento dun 0,8% dos salarios nas negociacións, unha cifra que lles parece insuficiente aos representantes sindicais, que reclaman á Xunta de Galicia a súa intervención no conflito e denuncian a adxudicación á baixa nos concursos dos servizos de transporte.

Polo momento, afirma Gutiérrez, "hoxe medimos as forzas. Se a semana que vén hai sorte haberá contacto coa patronal, se non iremos planificando unha nova folga", conclúe.