Presentan unha Iniciativa Lexislativa Popular para protexer a actividade pesqueira e marisqueira

O Salnés
15 de outubro 2024
Actualizado: 13:46

Esta iniciativa conta co apoio de 17.838 sinaturas validadas pola Xunta Electoral de Galicia

Promoven unha ILP para protexer a actividade pesqueira e marisqueira na ría de Arousa
Promoven unha ILP para protexer a actividade pesqueira e marisqueira na ría de Arousa Juan Mejuto

Unha comisión promotora encabezada pola Asociación pola Defensa da Ría de Arousa presenta no Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que busca o recoñecemento e a protección das actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais.

Esta iniciativa conta co apoio de 17.838 sinaturas validadas pola Xunta Electoral de Galicia.

A ILP xorde como resposta á crecente preocupación do sector do mar de baixura ante os novos desafíos do século XXI, como o cambio climático e a competencia por espazos marítimos e recursos hídricos.

Segundo os promotores, a situación actual é "moi preocupante" para o conxunto do sector, especialmente crítica no ámbito do marisqueo.

O texto legal presentado é froito da colaboración de diversos actores do sector marítimo. incluíndo a Federación Galega de Confrarías, as federacións provinciais, o sector bateeiro, asociacións de mulleres do mar, sindicatos e varios concellos da ría de Arousa.

Todos estes colectivos apoian esta iniciativa que, segundo os seus impulsores, "é para defender a Galicia e ao conxunto de galegos e galegas".

A asociación fai un chamamentoao diálogo e á colaboración entre todas as forzas políticas para abordar os problemas do sector.

Consideran que a toma en consideración desta ILP por parte do Parlamento de Galicia sería un primeiro paso crucial para garantir un futuro sostible para o sector do mar.

Os promotores da iniciativa subliñan a importancia de coidar da xente do mar, recoñecer o valor do seu traballo e proporcionarlles unha perspectiva de futuro.