París quere "sabelo todo" de Pontevedra: "Se podo irei", asegura a alcaldesa

Pontevedra
28 de novembro 2018

París puxo os seus ollos na transformación urbana de Pontevedra. Así o recoñeceu a alcaldesa da capital francesa, Anne Hidalgo, que quixo manter un breve encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a clausura do Forum Smart City que se celebrou os dous últimos días.

Encontro de Fernández Lores con Anne Hidalgo, alcaldesa de París Joaquín Barreiro

París puxo os seus ollos na transformación urbana de Pontevedra. Así o recoñeceu a alcaldesa da capital francesa, Anne Hidalgo, que quixo manter un breve encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a clausura do Forum Smart City que se celebrou os dous últimos días.

"Se podo irei coñecela", aseguroulle Hidalgo a Fernández Lores, tras a invitación formal que o rexedor pontevedrés realizou á alcaldesa de París. A dirixente explicou que un dos seus asesores, Carlos Moreno -que estivo recentemente en Pontevedra participando nun congreso-, "díxome que teño que ir".

Esa posible visita, que a falta de pechar os detalles podería realizarse o próximo mes de marzo, realizarase nun momento no que a capital francesa ten decidido dar un paso adiante na loita contra o cambio climático.

Para iso, entenden desde o goberno, urxe reducir a contaminación que produce o tráfico e recuperar espazos públicos para os cidadáns, camiñando cara a lograr unha cidade máis amable e de maior calidade de vida. Neste escenario buscan referentes e, segundo a alcaldesa de París, en Pontevedra foron "visionarios" coa súa transformación urbana.

Os colaboradores de Anne Hidalgo consideran ademais que ante as posibles reticencias que poida haber para avanzar no camiño percorrido por Pontevedra durante o últimos vinte anos, "é mellor velo" porque se comprende mellor "que se cho contan sobre o papel ou con fotografías".

A este respecto, na clausura do Forum Smart City, Hidalgo sinalou que todas as cidades, independentemente do seu tamaño, "teñen o seu lugar" na loita contra o cambio climático, polo que reclamou ás autoridades europeas que os investimentos públicos en materia de transición ecolóxica non se inclúan no cálculo do déficit. 

A alcaldesa pediu "iniciar un camiño que apenas está explorado" e comezar a deseñar as cidades con criterios ambientais e sustentables, defendendo un París que nun futuro próximo debe ser "máis verde e respirable" e pensada nos colectivos "máis fráxiles" como os nenos, as persoas de avanzada idade ou con mobilidade reducida.

Ademais, tamén avogou por darlle maior protagonismo ao medio natural na cidade, mellorar a calidade do aire ou recuperar o río Sena, de forma que se poidan habilitar mesmo zonas de baño, da mesma maneira que fixeron outras cidades como Pontevedra.

Horas antes, o alcalde de Pontevedra xa mantivera unha reunión de traballo con parte do goberno municipal de París para analizar a transformación da Boa Vila, encomiada por París.

Así, Fernández Lores departiu durante hora e media con Caroline Daude, Alice Veyrie, Michéle Zaoui e Constance Parodi, concelleiros de Transporte, Urbanismo, Patrimonio e Innovación respectivamente, e con Xavier Vuillaume, director do gabinete da alcaldesa.

Todos eles, segundo o alcalde, quixeron "sabelo todo" do modelo urbano de Pontevedra, especialmente acerca de como se limitou o tráfico no centro da cidade, como funciona o sistema de aparcadoiros ou como se abordou o proceso de liberalización de espazos públicos. 

Ademais, tamén mostraron interese na regulación realizada na Boa Vila para ordenar as terrazas de bares e restaurantes que ocupan vía pública, unha actividade que en París é máis que notable, cos establecementos ocupando cada vez máis espazo nas rúas e prazas.

Lores explicou que, a pesar de estar decididos a abordar unha transformación de París, no goberno municipal hai "certo medo" ao estar tan só a dous anos das eleccións. A pesar diso, sinalaron que se están impulsando iniciativas respecto diso, como a futura peonalización da Praza da Bastilla, que conta co apoio veciñal.

O alcalde pontevedrés animounos a ser "valentes", xa que citando datos do propio Concello de París, só utilizan o coche o 10% dos parisienses utilizan o coche e o 30% da xente que vén de municipios próximos, o que implica que esta transformación afectaría a moita menos xente que en Pontevedra, onde se reduciu un 60% o uso do coche privado "e agora a xente non quere volver atrás".

Este encontro pon fin á axenda da delegación pontevedresa en París, onde quedou claro, segundo sinala Fernández Lores, que "corre o ruxe ruxe" sobre o modelo urbano de Pontevedra por todo o mundo e que hai "moito interese" en coñecelo con detalle.