"Para min é un alivio saber que non estará máis na rúa e que podo refacer a miña vida", afirma a muller tiroreada pola súa exparella

Pontevedra
24 de xullo 2024

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza o xuízo contra José Antonio P.F., que confesou a autoría do intento de asasinato á súa muller no Grove e acepta unha condena de doce anos de prisión

Eva María Afonso Pontevedra Viva

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza o xuízo contra José Antonio P.F., o home que en decembro de 2018 protagonizou un dos episodios máis graves de violencia machista do Grove ao disparar á súa ex muller e atrincheirarse na súa casa, na que logo se pegou dous tiros.

A diferenza do ocorrido na primeira sesión deste xuízo, nesta ocasión o acusado recoñeceu a autoría de todos os feitos e conformouse coa condena de doce anos.

Este cambio, pois anteriormente dicía non lembrar nada do sucedido, prodúcese despois de que os avogados da defensa, a acusación particular e a fiscal alcanzasen un acordo.

O acusado dixo estar disposto a asumir unha condena de 2 anos de prisión polo delito de malos tratos, 9 meses polo quebrantamento de condena, 8 anos de cárcere polo delito de asasinato con aleivosía en grao de tentativa coa agravante de parentesco e a agravante de xénero, e 1 ano pola tenencia ilícita de armas.

O letrado da defensa pediu ao tribunal que teña en conta a atenuante de dilacións indebidas.

"Para min é un alivio saber que non estará máis na rúa e que podo refacer a miña vida"

En concepto de responsabilidade civil a acusación particular e a defensa coinciden en que é "suficiente" pedir a entrega á vítima do piso da localidade do Grove onde reside coa súa filla e que é propiedade do acusado. Pola súa banda a Fiscalía mantén a súa petición de cen mil euros sumando diferentes conceptos como os días de curación das súas feridas que necesitou a vítima, a intervención cirúrxica, as secuelas físicas, o prexuízo estético ou o dano moral.

As partes renunciaron a impugnar toda a proba documental achegada durante a vista oral.

Á saída do xuízo, a vítima, Eva María Afonso valorou o sucedido na sala sinalando que con este acordo "vai finalizar o calvario. Chegamos a un trato con el. Quedaron doce anos e a indemnización queda por determinar, pero polo menos está firme que queda en prisión". 

"Para min é un alivio saber que non estará máis na rúa e que podo refacer a miña vida", destacou.

Sobre este acordo alcanzado, Eva María Afonso comentou que "satisfeita non, eu pediría moitos anos máis, pero quero que se acabe. Entón con este trato que se fixo de conformidade queda firme". Ademais, engadiu, que "ao meu tamén me interesa, non quero estar cada dous meses vindo ao xulgado e con esta conformidade creo que vou conseguir iso". 

"Estou contenta. Polo menos podo andar pola rúa libre. Grazas a deus. Non é xusto, pero é o que hai", manifestou.