Para "mellorar a confianza" dos pacientes os sanitarios identificaranse con tarxetas personalizadas

Pontevedra
31 de agosto 2023

Baixo o lema "Nós xa estamos identificados. E ti?" a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pretende fomentar "estratexias de mellora da comunicación e da seguridade dos pacientes", garantindo a rápida e clara identificación do persoal

Profesionais do centro de saúde Virxe Peregrina coas súas tarxetas identificativas Sergas

Baixo o lema "Nós xa estamos identificados. E ti?" a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pretende fomentar "estratexias de mellora da comunicación e da seguridade dos pacientes", garantindo a rápida e clara identificación do persoal e por iso está a facilitar tarxetas persoalizadas aos seus profesionais e unhas cintas específicas con cores asignados a cada categoría de actividade.

O persoal que desenvolve calquera tipo de actividade asistencial levará sempre visible a súa identificación profesional en cumprimento da normativa vixente da Lei de Saúde de Galicia. 

Nos centros sanitarios públicos da área de Pontevedra e O Salnés prestan servizo cada xornada unha ampla variedade de profesionais tanto sanitarios coma non sanitarios, que abranguen especialidades moi diversas con distintas responsabilidades nos procesos asistenciais.

"Para garantir a seguridade dos centros e facilitar o seu funcionamento, resulta primordial identificar ás persoas, en especial aos profesionais" aseguran dende o Sergas polo que o sistema de identificación "debe ser eficaz e permanente".

Segundo sinala a directora de atención hospitalaria da Área Sanitaria, a doutora Yolanda Sanduende Otero, "os pacientes tamén buscan nos centros sanitarios públicos desta Área un clima de confianza e empatía, que se pode ver favorecido dende o momento no que coñecen polo seu nome e función aos profesionais que participan no seu proceso asistencial, clínico ou administrativo". 

"Coma profesionais da saúde, somos garantes da calidade dos coidados e da asistencia que lles prestamos aos usuarios, ben sexa nun centro de Atención Primaria, nun hospital, en calquera consulta ou área de probas diagnósticas, incluso nas visitas clínicas que os profesionais de Pontevedra e O Salnés efectúan en numerosos domicilios da área de saúde. Esta tarxetas persoalizadas e as cintas específicas con cores asignados a cada categoría permiten mellorar os niveis de confianza dos pacientes e fomentar a comunicación eficaz nos centros sanitarios, mellorando a seguridade e a calidade da prestación sanitaria".