Para Marea Galeguista os nenos "foron os grandes olvidados" durante a crise sanitaria

Pontevedra
29 de xuño 2020

A cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, reuniuse este luns co presidente da Federación de ANPA de centros públicos da provincia

Reunión de Marea Galeguista coa Federación de ANPA de centros públicos da provincia Marea Galeguista

A cabeza de lista por Pontevedra de Marea Galeguista, Peque González, reuniuse este luns co presidente da Federación de ANPA de centros públicos da provincia, Rogelio Carballo, e representantes deste colectivo.

Tras escoitar a posición da federación sobre a importancia das clases presenciais, a representante da Marea avanzou que "para o próximo curso nosa aposta é que, maioritariamente, a educación ten que ser presencial. Porque consideramos que a educación non só é unha  cuestión de contido, senón que tamén é imprescindible o afecto, a interrelación e o traballo cooperativo. A escola non está preparada para un ensino a distancia", sinalou.

González entende que durante a crise sanitaria "as nenas e nenos foron os grandes esquecidos e prexudicados. Estaban na casa, sen que ninguén pensase neles. E, a pesar diso, tiveron un comportamento exemplar", sostivo.

Marea Galeguista criticou ademais a falta de plans de formación para o profesorado, que a día de hoxe son "anecdóticos" e que "normalmente son contratados a empresas privadas e o único que fan a posteriori é cuantificar canto profesorado fai ese tipo de cursos e non se avalía a calidade".