O Concello de Ponte Caldelas adxudicou catro lotes de asfaltados de viais municipais que suporán a mellora de catro viais de accesos nos lugares de Baltar, A Insua, Chaín e A Sorreira.
As actuacións foron adxudicadas á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por ser a que ofreceu a oferta máis vantaxosa polos catro lotes e o maior prazo de garantía da obra, seis anos, segundo informou o Concello a través dun comunicado.
A obra de mellora de accesos na Insua custará 6.241,02 euros e contempla a aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor e a recolocación de todas as tapas de rexistro ou reixas.
A mellora de accesos en Baltar, valorada en 7.776,84 euros, suporá a aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor, a instalación de barreiras de protección no tramo inicial, con importante desnivel e a recolocación de todas as tapas de rexistro ou reixas.
No caso da mellora de accesos en Chaín, aplicarase unha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor e recolocaranse todas as tapas de rexistro ou reixas, cun custo de 9.291,54 euros.
A mellora do acceso ó lugar da Sorreira contará cunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 cm de grosor, coa instalación de barreiras de protección nos tramos con importante desnivel e coa recolocación de todas as tapas de rexistro ou reixas. O custo será de 4.513,87 euros.