Os paneis fotovoltaicos do pavillón darán electricidade ás instalacións municipais de San Antoniño

Barro
18 de outubro 2024

Os excedentes de produción, cando os haxa, non se perderán, pois verteranse á rede eléctrica e o Concello recibirá unha compensación económica que servirá para reducir a factura eléctrica

Cuberta do pavillón municipal de San Antoniño Concello de Barro

Ata 135 paneis solares formarán parte da instalación fotovoltaica que o Concello de Barro ten previsto instalar na renovada cuberta do pavillón municipal.

E é que aproveitando a reforma da cuberta deste equipamento deportivo, a estrutura quedou preparada para albergar unha instalación de produción eléctrica renovable destas características.

Estes paneis, que terán unha potencia conxunta de 60,75 kilowatts, terán como obxectivo fornecer de subministración eléctrica a todos os edificios municipais do núcleo de San Antoniño, incluída a piscina municipal e o colexio de primaria.

Os excedentes de produción de electricidade, cando os haxa, non se perderán, pois verteranse á rede eléctrica e o Concello recibirá unha compensación económica que servirá para reducir aínda máis a factura eléctrica que ten que pagar á compañía eléctrica

O orzamento deste proxecto ascende a case 73.000 de euros, dos cales 53.156 euros financiaranse con cargo a fondos europeos e os restantes 19.551 euros serán cartos do Concello.

A empresa encargada da execución será Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., por ser a mellor oferta presentada, e terá un prazo dun mes para a finalización das actuacións.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, explicou que este é un proxecto "estratéxico" para o municipio, xa que contribuirá a un maior aforro enerxético e a reducir o consumo de electricidade que vén de combustibles fósiles.

Ao mesmo tempo, o goberno municipal segue traballando para mellorar o pavillón, polo que tamén vén de adxudicar un proxecto para o pintado interior á empresa Alberto Trigo Calvo e licitou a substitución da antiga caldeira de gasoil por unha instalación de aerotermia.