Por primeira vez desde que se fixo cargo da concesión da autoestrada AP-9, a compañía Audada tivo que pagar o imposto de bens inmobles (IBI) aos concellos polos que pasa o seu trazado. No caso de Pontevedra, tivo que abonar case 315.000 euros.
Esta cantidade permitiu que o diñeiro que ingresarán as arcas municipais polo IBI en 2024 creza de maneira notable.
Así, Pontevedra ingresará 18,38 millóns por este imposto, que taxa todas as propiedades inmobiliarias dos contribuíntes.
Son 533.000 euros máis dos que se liquidaron o ano anterior, cando entre recibos e liquidacións, os pontevedreses pagaron en materia de IBI 17,85 millóns ao Concello.
O IBI urbano, que pagan todos os propietarios que posúan vivendas, garaxes, locais ou calquera tipo de propiedade urbana, supuxeron 66.212 recibos, o que sumados ás 5.566 liquidacións, achegou un total de 17,71 millóns.
As coñecidas como liquidacións especiais, entre as que se inclúe o IBI da AP-9, tamén experimentaron este ano un importante aumento, ao pasar até os 644.000 euros, fronte aos 345.000 euros que supuxeron en 2023.
Ademais do pago de Audasa, entre outros conceptos, tamén integran este apartado os algo máis de 79.000 euros que abona a Secretaría de Estado de Transportes por instalacións e terreos vinculados co Porto de Marín ou cos propio Portos do Estado.
En canto ao IBI rústico apenas hai variación entre exercicios e, no ano 2024, os 947 recibos emitidos suporá aos propietarios destes terreos case 27.400 euros.
O período voluntario de pago do IBI, que comezou o pasado 5 de setembro, está aberto ata o próximo 5 de novembro.