ENCE si, pero fóra da Ría de Pontevedra. Ese segue sendo o plantexamento do PSdeG-PSOE con respecto ao complexo industrial de Lourizán. Pero dubidan que sexa tamén o do Partido Popular. O seu candidato á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, recordou que os populares asinaron no Parlamento que ENCE non seguiría no seu actual emprazamento a partir do ano 2018. "Se dan marcha atrás e volven enganar ao país, estarían traizoando aos galegos".
Foi a única referencia a Pontevedra na comparecencia de Pachi Vázquez, que centrou a súa intervención nas "mentiras" do goberno de Alberto Núñez Feijóo. Non só polos contratos de Pemex ou pola auditoría das caixas, dixo, senón polo informe do Consello de Contas que asegura que a Xunta podería haber falseado as contas do ano 2010 para reducir os datos do déficit público.
"A min non me salían as contas de Galicia e agora sei por que", denunciou o candidato socialista, quen recordou que ese informe foi elaborado por José Antonio Orza, exconselleiro de Economía con Manuel Fraga. "A bola de neve de enganos vai medrando e o presidente terá que explicar moitas cousas", dixo Pachi Vázquez, tras apuntar tamén a responsabilidade de Marta Fernández Currás, exconselleira de Facenda y actual secretaria de Estado de Presupuestos y Gastos en el Gobierno central.
"Se para saír desta crise, estamos plantexando propostas que veñen avaladas por estes dous, temos un gran problema neste país", asegurou Vázquez. Neste sentido, reclamou a Núñez Feijóo que, ante o "demoledor" informe do Consello de Contas, "ten que asumir que é certo ou ten que desmontar a versión do señor Orza. Non caben medias tintas".
Estas declaracións do candidato do PSdeG-PSOE producíronse trala xuntanza que mantivo con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. A eles, reiteroulles o apoio dos socialistas aos emprendedores e ao pequeno comercio, comprometendo avanzar na implantación das novas tecnoloxías, a simplificación dos trámites administrativos ou a aprobación de axudas económicas directas.
Para poñer en marcha estas axudas, Pachi Vázquez dixo que "fan falta recursos". Explicou que o PSdeG-PSOE propón "repartir esa carga e que vaia sobre quen ten máis recursos". Concretamente, apuntou a posibilidade de implantar novos impostos á banca e aos grandes patrimonios, así como unha fiscalidade distinta para as grandes áreas comerciais, "garantindo unha competencia co tema de horarios e reinvestindo no comercio".