Outro 3% máis caro será circular pola AP-9 a partir do 1 de xaneiro

Pontevedra
31 de decembro 2022

A historia repítese. Un ano máis, os galegos comezaremos xaneiro pagando máis por circular pola AP-9. Esta autoestrada será, ademais, a que proporcionalmente rexistre unha maior subida de todas as que ten repartidas o Estado en toda España

Peaxe da autoestrada AP-9 Mónica Patxot

A historia repítese. Un ano máis, os galegos comezaremos xaneiro pagando máis por circular pola AP-9. Esta autoestrada será, ademais, a que proporcionalmente rexistre unha maior subida de todas as que ten repartidas o Estado en toda España.

Así, segundo confirmou o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, pagaremos un 2,99% máis por circular por toda a AP-9, desde A Coruña e Ferrol ata Tui. 

Tras esta actualización de prezos, a viaxe entre A Coruña e Vigo subiría ao redor de 50 céntimos máis por traxecto, dos cales uns 20 corresponderían ao tramo A Coruña-Santiago-, outros 20 a Santiago-Pontevedra e 10 ao que une Pontevedra e Vigo.

Nesta autoestrada, o incremento de tarifas realízase, segundo o ministerio, sen prexuízo das bonificacións parciais ou totais das peaxes que, en base ás modificacións concesionales que se aprobaron, están actualmente en vigor na autoestrada.

O aumento do gasto por circular pola autoestrada atlántica xustifícase, engade o Goberno, na necesidade de cubrir custos pola execución de obras en que incorreu Audasa, entre elas a ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago.

A maiores, o outro 1% que deberían subir as peaxes, segundo o decreto que actualmente regula as bonificacións na AP-9, será asumido polo Estado con cargo aos seus orzamentos.

No mesmo caso que a AP-9 están a AP-7 entre Alacante e Cartaxena, a AP-6 entre Villalba e Adanero ou o tramo da AP-46 entre o Alto das Pedrizas e Málaga, cuxos peaxes subirán en termos moi similares, ao redor deste 3%.

O resto de autoestradas dependentes do Estado terán un aumento do 1,97% nas súas tarifas, con efectos do 1 de xaneiro de 2022, debido fundamentalmente ao crecemento do índice de prezos ao consumo.