Ourense, Ferrol, Vigo e A Coruña teñen máis taxa de paro que Pontevedra

Pontevedra
26 de setembro 2018

O concello de Pontevedra ten unha taxa de paro do 14,63%, o que a sitúa no quinto posto no ránking das sete grandes cidades galegas

Traballador na fábrica de Ence Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra ten unha taxa de paro do 14,63%, o que a sitúa no quinto posto no ránking das sete grandes cidades galegas.

A taxa de paro é a porcentaxe de desempregados sobre a poboación activa, que se define como as persoas maiores de 16 e menores de 65 que están a traballar ou en procura activa de emprego.

A Boa Vila, gobernada polo BNG, ten unha poboación de 82.671 habitantes dos que 5.419 están inscritos nas listas oficiais como demandantes de emprego.

Encabeza esta clasificación o concello de Ourense, gobernado polo Partido Popular, cunha taxa de paro do 17,94%, isto é 7.839 desempregados nunha poboación de 105.636 persoas.

No segundo posto está Ferrol co 17,65% de taxa de paro, 5.093 persoas desempregadas dun censo total de 67.569 habitantes nun concello gobernado por Ferrol en Común.

A veciña Vigo ten unha taxa do 17,16%. A cidade olívica, a máis populosa de Galicia con 292.986 cidadáns, como repite o seu alcalde, o socialista Abel Caballero, suma 22.213 desempregados.

E no cuarto posto está A Coruña, con goberno de Marea, unha taxa de paro do 15,56%, 16.695 desempregados e unha poboación de 244.099 habitantes.

Mellor que a cidade do Lérez en cuestións de emprego está Lugo. Este concello gobernado polo Partido Socialista ten unha taxa de paro do 13,72%, con 6.040 persoas sen emprego e 97.995 habitantes. 

Finalmente, Santiago, gobernada polo alcalde Martiño Noriega de Compostela Aberta, presenta a taxa máis baixa con de paro cun 12,72%, 5.577 persoas sen emprego e unha poboación de 96.456 cidadáns.

Á hora de configurar este ránking hai que ter en conta que a mobilidade intermunicipal afecta o cálculo. É dicir, algunhas localidades teñen unha poboación moi superior ao número de postos de traballo que xeran, son as chamadas cidades dormitorio ou zonas residenciais. Por outra banda, aquelas poboacións que, normalmente por ter unha zona industrial importante, xeran máis postos de traballo que traballadores, polo que "importan" traballadores, que viven noutra localidade pero cada día desprázanse a esta para traballar.

Arquivado en