Os xardíns de Pontevedra alzan a voz pola diversidade para celebrar o Orgullo

Pontevedra
25 de xuño 2021

Unha bandeira floral coas cores do arco da vella na Praza de Ourense e un  photocall con  ortensias multicolores na Praza de España é a nova proposta do programa Xardíns que Falan para celebrar a semana do Orgullo

Arranxos florais do programa Xardíns que Falan para conmemorar o Orgullo 2021 PontevedraViva

Unha bandeira LGBTIQA+ formada con buxos multicor na Praza de Ourense e unha composición cun photocall no que pode lerse o lema 'Para gustos, cores. Para xardíns, flores', unha bicicleta e varios cestos con flores de cores na Praza de España conforman as intervencións artísticas instaladas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para conmemorar o Orgullo 2021 en Pontevedra.

Con estes chamativos arranxos florais, nos que moitos pontevedreses e turistas xa comezaron a facerse fotos durante toda a mañá, o proxecto Xardíns que Falan, impulsado polo departamento que dirixe Iván Puentes, súmase por segundo ano consecutivo ao programa deseñado pola Concellería de Igualdade para visibilizar con mensaxes e coas cores do arco da vella as reivindicacións do colectivo LGBTIQA.

O propio Puentes achegouse este venres ata a Praza de España para comprobar o magnífico resultado da instalación artística e estrear o photocall cos concelleiros da súa formación Tino Fernández, Yoya Blanco, e Marcos Rey. O edil socialista lembrou que o proxecto Xardíns que Falan "púxose en marcha coa finalidade de converter algúns espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe. As datas do Orgullo son sen dúbida un momento perfecto para que estes xardíns alcen a voz e luzan as cores LGBTIQA+, especialmente ante os crecentes e perigosos descursos de odio", sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

En opinión de Iván Puentes, "con esta instalación e coas 'Letras Coloridas' que penden do balcón do Consistorio, un dos espazos centrais de Pontevedra, como é a Praza de España, converterase nestes días nun eixo de reivindicación do Orgullo, ao igual que os Xardíns de Casto Sampedro, emprazados noutro dos ámbitos máis visitados da cidade, entre as prazas da Ferrería e Ourense". O edil do PSOE animou "a todos os que pasen por estas zonas verdes durante as vindeiras xornadas a facerse fotografías, etiquetalas co hashtag #Orgullo2021Pontevedra".

Pola súa banda, o programa do Orgullo 2021 continuará mañá sábado ás 22:30 horas, coa celebración no Gastroespazo do Mercado de Abastos dunha das actividades máis agardadas do programa: os Vermús de Pinto e Maragota. O martes 29 de xuño ás 20 horas, a Casa das Campás volverá ser escenario dunha nova charla, neste caso sobre o ‘Dereito á diversidade’.