Os xacementos arqueolóxicos chegan aos móbiles

Pontevedra
13 de marzo 2015

Os turistas que visiten Pontevedra ou uns dos 15 depósitos de petroglifos que hai pola provincia poderán usar os seus teléfonos móbiles para interactuar cos novos paneis informatizados.

A concelleira Carlota Román amosa as novidades tecnolóxicas para Terras de Pontevedra PontevedraViva

Os visitantes que se acheguen á oficina de turismo de Pontevedra poderán facer uso dende este venres 13 do novo modelo de paneis informatizados que estarán ademais nas áreas rupestres onde se sitúan os principais depósitos de petróglifos da provincia.

Esta iniciativa promovida por 'Terras de Pontevedra' presentouse na Casa da Luz pola concelleira de Turismo Carlota Román.

Os paneis teñen imprimida unha explicación resumida da zona onde se sitúan e o resto dos datos estarán informatizados. Con isto preténdese fomentar o uso das redes sociais, ademais de incluírse no "espazo tecnolóxico" que permitirá que a información turística poida darse máis rápido e fóra do horario das visitas guiadas dos depósitos.

O novo panel supón 24 horas de información os 365 díasdo ano grazas ao código QR, a web e o sistema NFC que teñen incrustados, para que só cun dispositivo móbil e acceso a internet se poida entrar á nube.

O sistema NFC, parte importante da novidade, consiste nunha tecnoloxía inarámica que permite compartir documentos cos dispositivos móbiles que se coloquen preto do panel.

Así que os turistas que se acheguen a un dos 15 puntos de visita con xeolocalización e usen o seu teléfono móbil nos novos paneis, sen necesidade de descargar ningunha app, poden obter ampliada a explicación da zona que estan visitando, xunto a fotografías e audios, ademais de datos dos outros depósitos da bisbarra.

Outra das calidades deste sistema informático é que ten a capacidade de recoñecer o idioma do terminal que se use. Os idiomas que por agora están dispoñibles son o galego, castelán e inglés, pero pretenden seguir ampliándoos.

Un dos obxectivos deste proxecto é que ao interconectar os espazos se coñezan mellor todas as zonas que se poden visitar en Pontevedra. Ademais, a implementación dos sistemas tecnolóxicos permitirá eliminar das feiras, congresos ou eventos deportivos os folletos para substituílos polos novo paneis móbiles de tamaño A4.

Arquivado en