Os veciños volven esixir nos tribunais o cumprimento da sentenza que ilegaliza os pasos a nivel dos Praceres

Pontevedra
01 de agosto 2018

Eladio Torres sostén que desde que existe a sentenza do Tribunal Supremo que  ilegaliza os pasos a nivel da vía do tren que vai ao porto de Marín "todos os políticos no ámbito local e nacional que houbo en Pontevedra forman parte dunha trama organizada para non cumprir unha sentenza do máximo tribunal" 

Vías do tren na praza dos Praceres Mónica Patxot

A Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres xurdida hai xa preto de dúas décadas en oposición á construción da vía do tren de acceso ao porto de Marín partindo en dous a praza pública da súa parroquia segue na loita e non está disposta a desistir das súas intencións de recuperar o seu espazo público.

Esta semana acaba de enviar un requirimento ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid insistindo en que obrigue ao Ministerio de Fomento a executar a sentenza do Tribunal Supremo que declara ilegais os actuais pasos a nivel. 

O portavoz da plataforma veciñal, Eladio Torres, explica que decidiron enviar ese requirimento ao xulgado unha vez que, esperado "un tempo credencial" para que Fomento dese pasos para a execución da resolución xudicial, ninguén fixo nada. Demostrouse, segundo o dirixente veciñal, que "non teñen intención de facer nada", pois desde o ano 2000 tiveron tempo a liquidar a situación e ninguén o fixo, nin sequera despois de que a sentenza que ilegaliza os pasos a nivel fora declarada firme. 

Eladio Torres sostén que desde que existe esa sentenza do Supremo "todos os políticos no ámbito local e nacional que houbo en Pontevedra forman parte dunha trama organizada para non cumprir unha sentenza do máximo tribunal". Moi crítico coa actitude de Fomento e tamén do resto de administracións, o colectivo veciñal non está disposto a que sigan ignorando aos tribunais e aos cidadáns, de aí este requirimento. 

O requirimento lembra que transcorreron 14 anos desde a primeira sentenza que condena á Admininistración Xeral do Estado para suprimir os tres pasos a nivel do ferrocarril pola praza dos Praceres en Lourizán e "a execución nin sequera está iniciada" e que a única alternativa que ata agora expuxo Fomento, a denominada 3.1. que contempla enterrar o paso de vehículos e persoas e non a vía do tren "non é viable". 

Constatado que desde o Estado non se dan pasos, a plataforma decidiu facer este requirimiento e propoñer que se execute a alternativa 2.2., que propón enterrar o paso do tren, e que, se ninguén máis fai nada, eles poden executar a sentenza subsidiariamente encargando un proxecto técnico de supresión e unha memoria económica para que a administración pague a actuación aínda que non a asuma directamente. 

Ademais de propoñerse como voluntarios para contratar o proxecto técnico, tamén piden ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que impoña sucesivas multas coercitivas de 1.200 euros ao responsable da execución en tanto os pasos a nivel non queden suprimidos e a sentenza "non levada ao seu estrito e puro cumprimento".