Os veciños marchan polo antigo trazado ferroviario para reclamar a Vía Verde

Pontevedra
09 de maio 2015

Colectivos de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior sumáronse á demanda

Marcha dos veciños para reivindicar a vía verde Carlos Fontes

A coordinadora de colectivos veciñais e deportivos de Vilaboa organizou este sábado unha pequena ruta, de aproximadamente un quilómetro, polo antigo trazado ferroviario para solicitar a súa conversión en Vía Verde do tramo Pontevedra-Arcade

A bo ritmo partiron do entorno da Ponte García, en Paredes. Cos apoios de organizacións de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, entre elas, Vaipolorío, Comunidade de Montes de Vilaboa, Asociación Contra a Subestación de Bértola, Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio e Club Ciclista Arcade. Outras, como as comunidades de montes de Figueirido e Bértola, a Asociación San Cibrán de Tomeza ou a Asociación de Veciños de Figueirido estudan a proposta para trasladar a posición en vindeiras datas.

VÍA VERDE

Este veciños estiman que a demandada vía verde melloraría considerablemente os niveis de seguridade viaria, especialmente no caso de peón e ciclistas que empregan hoxe a N-550 para os seus desprazamentos, e erradicaría definitivamente a traxedia dos atropelos ferroviarios mortais sufridos por varios veciños de Vilaboa no pasado.

Ademais, este novo uso do antigo treito ferroviario, que atravesa importantes núcleos de poboación de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, permitiría potenciar a actividade sendeirista  da zona.