Os veciños de Pardavila maniféstanse para reclamar medidas de seguridade viaria na PO 313

Marín
25 de xaneiro 2014

A morte por atropelo da veciña Victoria Piñeiro propiciou que os veciños de Pardavila saian á rúa para reclmar, entre outras medidas, pasos de peóns, semáforos e beirarrúas que eviten novos accidentes

Manifestación para reclamar seguridade viaria na PO 313 Diego Torrado

A morte da veciña Victoria Piñeiro, vítima dun atropelo na estrada PO 313, levou a que os veciños da parroquia marinense de Pardavila saísen este sábado 25 á rúa para reclamar unhas mínimas medidas de seguridade para evitar os riscos que presenta este traxecto.

Segundo os veciños, nos últimos días tiveron que escoitar todo tipo de declaracións que "tratan de xustificar a causa do accidente con motivos alleos á falta de seguridade viaria. Hai quen chegou a afirmar que Victoria cruzou a estrada por un lugar non axeitado para os peóns. E nós preguntámonos: cal é ese lugar?".

No manifesto ao que deron lectura os veciños sinalábase que ao longo de toda a estrada PO 313 non hai nin un só paso de peóns, nin semáforos para deter o tráfico nin para regular a velocidade, non hai iluminación que permita advertirlle aos condutores da presenza de peóns, sen beirarrúas nin sinalización que regule a velocidade e falta o "obrigatorio pintado" das liñas da estrada despois do asfaltado.

Os veciños sinalan que non van admitir que o accidente aconteceu "porque concorreron moitas circunstancias adversas", nin van admitir que se busquen motivos no "intenso tráfico do vial, que era aínda de noite, que a visibilidade era reducida polo mal tempo e que, desgraciadamente, ata tres vehículos atropelasen á vítima".

Os convocantes da manifestación afirman que esta protesta será a primeira dunha serie de mobilizacións que só finalizarán cando comproben que a estrada deixa de ser un punto negro.

O acto finalizou cun minuto de silencio en memoria da veciña falecida.