Os veciños de Moraña e Campo Lameiro lembran con dor as nenas Candela e Amaia

Umia
08 de agosto 2015

Centos de persoas amosaron a súa dor e o pesar pola crime das dúas menores cun acto no cemiterio de San Cristovo de Couso e nunha posterior marcha que rematou na praza do Concello de Moraña. Este sábado 8 ao mediodía vai desenvolverse outro acto de lembranza no concello de Caldas

Campo Lameiro e Moraña lembran as nenas Amaia e Candela Mónica Patxot

Veciños de Moraña e de Campo Lameiro, aos que se sumaron numerosas persoas procedentes doutros concellos limítrofes, mostraron durante este venres 7 de agostoa súa dor pola morte de Candea e de Amaia, as nenas de 9 e 4 anos vítimas dun crime cometido presuntamente polo seu pai, David Oubel, hai unha semana.

Este acto organizado por amigos e coñecidos da familia das nenas iniciouse no cemiterio de San Cristovo de Couso, no concello de Campo Lameiro, onde repousan os seus corpos. Alí os participantes portando velas realizaron unha ofrenda floral enchendo con pétalos un debuxo sobre o chan co retrato das dúas menores. O alcalde do municipio, Julio Sayáns, mostrou o seu rexeitamento ao acto de violencia e sumouse á consternación veciñal. Tamén a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, amiga da nai das nenas participou no acto que continuou cunha marcha silenciosa.

Centos de veciños desprazáronse polas rúas 6 e 2 de Moraña portando unha pancarta na que se podía ler: "Candea e Amaia sempre estaredes con nós". O acto finalizou, tras a lectura dunha mensaxe de agradecemento ao apoio e cariño mostrado cara á familia, coa solta de globos no ámbito do edificio do Concello onde se depositaron velas e flores en recordo das pequenas.

Ás 12.00 horas deste sábado, levarase a cabo un novo acto de recordo en Caldas, que se iniciará fronte á igrexa de Santo Tomás.

Arquivado en