Os veciños de Cotobade manterán o PAC da Parda como centro de referencia tras a fusión

Pontevedra
30 de xuño 2016

O alcalde Jorge Cubela sinala que todas as consellerías están a garantir que os servizos dos cotobadeses manterán os seus centros de referencia cando se faga efectiva a fusión con Cerdedo

Centro de Saúde da Parda PontevedraViva

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés do Sergas remitiu unha carta ao Concello de Cotobade, segundo sinala o goberno local, na que confirma que o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra seguirá sendo centro de referencia no caso de que se peche a fusión.

Os servizos de urxencias tamén se manterán, segundo a consellería de Sanidade, igual que ata agora e o Centro Hospitalario de Pontevedra de Montecelo seguirá a ser de referencia para a poboación de Cotobade.

O goberno local móstrase satisfeito porque os veciños de Cotobade continúen tendo todos os seus servizos sanitarios no propio municipio ou en Pontevedra, mentres que os de Cerdedo manteranse adscritos á súa PAC, que atende á comarca de Terra de Montes.

A intención de Jorge Cubela, alcalde de Cotobade, é que os veciños que queiran, por proximidade ou por interese persoal, poidan optar polas dúas posibilidades, Pontevedra e Cerdedo, para que así se amplíe a oferta de servizos.

Cubela asegura que se van a potenciar os servizos públicos xa que as consellerías confirman que as atencións que reciben os cotobadeses van a manterse nos seus centros de referencia.