Os tribunais avalan a modificación da RPT realizada polo Concello en 2022

Pontevedra
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Eva Vilaverde espera que este fallo xudicial sirva para que o Concello e os seus traballadores poidan construír un marco "novo e honesto" de negociación "onde todos poidamos ser sinceros e logremos sacar cousas adiante" para mellorar a administración municipal

Protesta dos funcionarios do Concello Mónica Patxot

A xustiza avalou a modificación da relación de postos e traballo (RPT) aprobada polo goberno municipal de Pontevedra no ano 2022. Foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que ratificou a legalidade desta modificación laboral.

O tribunal rexeitou o recurso de apelación presentado por un grupo de oficiais da Policía Local de Pontevedra, que pedían anular a modificación da RPT que, entre outras cuestións, realizaba unha nova valoración e aplicaba un complemento específico.

Estes cambios, que viñan motivados por diferentes sentenzas xudiciais, aplicouse en tres corpos de traballadores distintos, a Policía Local, o servizo de extinción de incendios e o servizo de cemiterios, lembrou a edil de Persoal, Eva Vilaverde.

O TSXG sinala na súa sentenza que o Concello realizou o procedemento de maneira correcta, que o informe contaba coa extensión necesaria e que estaba ben motivado, e que se contestaron a todas as alegacións presentadas durante a tramitación administrativa,

"Esta sentenza ratifica o que dicían os nosos xuristas e o procedemento que defendían os técnicos para levar a cabo esta modificación. Demostra, e temos que tomalo con reflexión, que con estes conflitos, tan belixerantes, non gaña ninguén", sinalou Vilaverde.

A concelleira do BNG confía en que esta primeira sentenza sobre a modificación da RPT sexa un "intre para a reflexión" para as dúas partes, goberno municipal e sindicatos.

Eva Vilaverde espera que este fallo xudicial sirva para que o Concello e os seus traballadores poidan construír un marco "novo e honesto" de negociación "onde todos poidamos ser sinceros e logremos sacar cousas adiante" para mellorar a administración municipal.

A responsable de persoal insistiu en que o goberno municipal "sempre estará aberto" a mellorar as condicións de traballo dos seus empregados, para o que apelou a "avanzar xuntos e na mesma dirección" tendo claro que "non creo que sexa bo pedir imposibles".

"Sabemos que hai cousas que mellorar aos poucos, por iso hai que pedir posibles e non o contrario, xa que o único que se logra así e perpetuar un enfrontamento permanente", sentenciou Vilaverde.