Os traballadores do transporte de viaxeiros convocan folga o 31 de marzo

Pontevedra
22 de marzo 2023

As asembleas de traballadores do transporte de viaxeiros por estrada realizadas nas catro provinciais aprobaron por unanimidade ir á folga o 31 de marzo en demanda do desbloqueo da negociación colectiva, segundo informaron os sindicatos CIG, UGT e Comisións Obreiras

Unha das liñas do autobús urbano de Pontevedra Mónica Patxot

As asembleas de traballadores do transporte de viaxeiros por estrada realizadas nas catro provincias aprobaron por unanimidade ir á folga o 31 de marzo en demanda do desbloqueo da negociación colectiva, segundo informaron os sindicatos CIG, UGT e Comisións Obreiras.

Denuncian que os catro convenios provinciais están paralizados e aínda que Pontevedra mantén as reunións, nestas non se producen avances.

O día da folga, ademais dos habituais piquetes informativos, faranse concentracións nas estacións de autobuses das sete cidades galegas. En Pontevedra será ás 18 horas.

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT xa advirten que "á volta de Semana Santa as mobilizacións se intensificarán".

Neste senso, denuncian que á "parálise" dos convenios e á non actualización das condicións laborais, salariais e sociais do persoal, hai que sumar os "reiterados incumprimentos dos convenios colectivos por parte da patronal", que levaron a que hoxe o sector estea "altamente precarizado".

Aínda que neste sector a maioría dos cadros de persoal están formados por traballadores condutores, nos últimos anos o colectivo de acompañantes, maioritariamente integrado por mulleres, medrou de maneira considerable. Os sindicatos aseguran que "estas traballadoras padecen unhas condicións de precariedade absoluta, tendo que aturar contratos de até media hora ou unha hora e incumprimentos salariais continuos".

"Ás nefastas condicións do persoal engádeselle o estado lamentable da flota de autobuses, con vehículos moi vellos que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade no transporte", apuntan.

As tres centrais sindicais responsabilizan á Xunta desta situación, "tanto a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade como a Consellaría de Educación, que permanecen cegas e xordas diante dos problemas do sector e nin sequera responderon ás múltiples denuncias realizadas".

Afirman que a administración autonómica, no seu momento, sacou uns contratos "infradotados economicamente", e "a pesar disto a patronal presentouse incluso con rebaixas de até o 30% sobre o prezo de saída, coa idea de que poderían obter beneficios a conta de explotar ás traballadoras e traballadores, precarizar as condicións laborais e deteriorar a prestación do servizo até límites insospeitados".