Despois dunha "larga temporada de silencio" nas redes sociais os traballadores do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo compartiron no seu perfil de Facebook as súas críticas ao alcalde, Telmo Martín pola súa "temeraria decisión de reducir el número de efectivos a 2 efectivos por turno, con todos el peligro que ello entraña para los vecinos".
O goberno local de Sanxenxo xa anunciara que o seu Grupo de Emerxencias e os Bombeiros de Ribadumia poden coordinarse dunha forma que se eviten duplicidades polo que iniciou un proceso de reorganización deste servizo. Esta nova organización contempla cubrir 16 horas e non as 24 horas diarias como sucede neste momento. As horas que non cobre o servizo municipal estarían atendidas polos bombeiros de Ribadumia.
Do persoal actual, 12 traballadores seguirán coas mesmas funcións que ata o de agora e os 6 restantes ocuparanse de novas funcións municipais relacionadas co medio ambiente, como roza de cunetas e camiños para evitar incendios, prevención de inundacións ou coidado ambiental.
Os traballadores sinalaron que este proceso "irremediablemente se ha judicializado" e agora advirten de que "una vez pasado el verano y el nivel de atención que el Sr. Martín considera oportuno para los ciudadanos de primera de Sanxenxo, los turistas", o día 1 de outubro levará os cambios antes citados.
Precisamente, ao estar este conflito pendente de que se resolva en sede xudicial, o Concello de Sanxenxo preferiu non facer declaracións respecto diso.
Para estes traballadores a xestión do Concello neste asunto "fue errática", contratando persoal eventual para o Servizo de Emerxencias "con el fin de cubrir las vacantes dejadas por los compañeros que fueron movidos a realizar otras tareas que nada que ver tienen con la seguridad de los vecinos, por mucho que se empeñen en repetirlo".
"¿Si no era necesario ese personal, por qué es necesario contratar otras personas para cubrir sus puestos?", preguntan estes traballadores.
"Insostible" é a palabra que utilizou o goberno local de para definir os gastos de 723.174 euros anuais que o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo supón para as arcas municipais. O 80% do seu orzamento, 579.799 euros, está financiado directamente polo Concello, mentres que a Xunta de Galicia achega 81.375 euros e a Deputación Provincial a cantidade de 62.000 euros ao ano.