O comité de empresa de Elnosa compareceu este martes en rolda de prensa acompañado polos secretarios comarcais de Comisións Obreiras e UGT, para "esixir aos nosos dirixentes o mesmo trato para Elnosa que á empresa Ence, tanto político coma legal", dixeron.
O presidente do comité de empresa, Avelino García Martínez, explicou que "saen á palestra" porque están "cansos" do trato que reciben "por parte da Xunta e do Estado".
Electroquímica do Noroeste SA (Elnosa), cun equipo de 70 traballadores, terá que cesar de xeito "improrrogable" a súa actividade na ría de Pontevedra a finais do 2016 en virtude un acordo entre a empresa portuguesa CUF, propietaria da fábrica pontevedresa e o anterior conselleiro de Medio, Agustín Hernández.
Este acordo incluía o compromiso da cloreira de non solicitar prórrogas á concesión, que caduca en 2018.
Este martes os traballadores aseguraron que esta decisión "totalmente política" pechará unha empresa "con emprego de calidade" nun momento no que Galicia sofre "unha alta taxa de paro".
Avelino García sinalou que das nove electroquímicas que hai en España "só tres cambiaron a tecnoloxía" o que supón unha porcentaxe moi pequena da produción. O resto aínda non implantou unha técnica alternativa substituíndo o mercurio ou o amianto nos seus procesos industriais "nin o van facer de momento", afirmou.
Non obstante sinalan que ningunha outra empresa en toda España ten asinado un compromiso de peche como no caso da cloreira de Pontevedra, que cualifican de "chantaxe por parte da Xunta" xa que "non nos garante que vaiamos conservar noso postos de traballo", afirmou o presidente do comité.
Naquel pacto alcanzado coa Xunta a directiva do grupo portugués comprometíase a presentar dúas situacións altermativas para Elnosa, unha delas na "área de influencia da cidade". Os traballadores acollerían satisfactoriamente tanto o traslado coma a renovación da tecnoloxía na localización actual "sempre e cando se garantan os postos de traballo".
Para falar destes asuntos pedirán entrevistas ao presidente da Xunta e aos conselleiros de Medio Ambiente e de Industria. Se as súas solicitudes non son atendidas nun tempo prudencial advirten que iniciarán "mobilizacións permanentes".
"CUTRE E VOMITIVA"
As críticas máis duras por parte dos representantes de Elnosa dirixíronse ao candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira polo seu cambio de postura sobre a continuidade de Ence en Lourizán.
O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa cualificou de "cutre" e "vomitiva" a estratexia do aspirante a gobernar en Pontevedra, "por estar a xogar cos traballadores por interese electoral".