Os técnicos do Areeiro traballan na clonación da coñecida "Figueira do Meco" do Grove

O Salnés
21 de marzo 2017

O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, é acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda dos séculos XV e XVI

Figueira do Meco Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) están a traballar na clonación da coñecida como "Figueira do Meco", unha árbore de máis de 100 anos situada nunha fenda entre dous penedos do Monte da Siradella, no Grove. O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, é acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda dos séculos XV e XVI.

Esta lenda, que ten como protagonista a un cura da vila do Grove, foi recollida polo Pai Sarmiento e conta que o relixioso era un mullereiro, libertino e larpeiro que exercía o dereito de pernada. Esta situación levou a que un grupo de mulleres, según se conta, o aforcaran colgándoo da figueira do Monte Siradella. Dende entón a lenda di que a árbore dá figos vermellos que "levan a sangue do meco". 

Como a da "Figueira do Meco", cada árbore senlleira da provincia de Pontevedra ten a súa lenda e historia, motivo polo que a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde instou a "celebrar o Día da Árbore e coñecer os exemplares que están máis preto do teu concello: son o noso patrimonio natural!".

O catálogo de árbores senlleiras da provincia está formado por 47 pezas e nove formacións arbóreas que son consideradas "reliquias botánicas".