O mes de xullo foi un dos máis activos dos últimos anos no que se refire ao número de intervencións levadas a cabo polos socorristas que prestan servizo nas praias de Cabeceira (Lourido) e Xiorto (Raxó).
Os profesionais que velan pola seguridade dos bañistas tiveron que atender durante o seu primeiro mes de operatividade un total de 280 incidencias, 100 no caso de Cabeceira e as 180 restantes no areal de Xiorto.
Se ben a meirande parte destas actuacións corresponderon a situacións que non revestían gravidade, cómpre salientar que a gran maioría das persoas que foron atendidas nos postos de socorrismo presentaban algún tipo de feridas ou cortes (43 e 18 en Cabeceira e 91 e 42 en Xiorto). Ademais, como xa é habitual cada verán, tamén foi preciso atender a bañistas que sufriron a picadura dalgún insecto (22 en Cabeceira e 23 en Xiorto).
O número de intervencións por parte do equipo de socorristas experimentou un importante incremento con respecto ao mesmo período de 2021. Daquela, as incidencias foron 59 sumando as de ambos areais, polo que a actividade dos socorristas practicamente se multiplicou por cinco.
O alcalde, Luciano Sobral, achaca este incremento a varios factores. "Por unha banda, este é o primeiro verán de normalidade, logo de dúas tempadas estivais marcadas pola pandemia, polo que está habendo un incremento de visitantes ao municipio".
Ademais, o rexedor entende que as condicións meteorolóxicas tamén xogan un factor moi importante. "Xullo foi un mes marcado pola calor, con temperaturas moi altas, o que sen dúbida tamén axudou a que nas praias houbese un maior número de bañistas", engadiu o rexedor.
Precisamente, como consecuencia en moitos casos destas temperaturas, tratáronse preto de 30 posibles baixadas de tensión e foi preciso requirir a presenza dunha ambulancia cinco veces, tres en Xiorto e dúas en Cabeceira. Nesta praia, ademais, foi onde se levaron a cabo sete rescates. O alcalde Sobral agradece o labor que realiza o equipo de socorristas e salienta que o Concello de Poio aposta por manter este servizo en Xiorto, a pesar de non contar con bandeira azul, distintivo que si dispón Cabeceira. "A nosa filosofía é a de garantir os accesos e os servizos básicos no maior número de praias posible", sinalou.
Iso si, o alcalde lembra que a día de hoxe permanecen fóra de servizo as duchas, dentro do paquete de medidas aplicado polo Concello no contexto de seca no que nos atopamos na actualidade.