Os socialistas queren converter o Lérez no eixo de rutas turísticas e actividades de lecer

Pontevedra
09 de xullo 2020

Así o explicaron os socialistas nas inmediacións do peirao das Corbaceiras, a onde acudiron para mostrar o compromiso do seu partido cun modelo de cidade saudable, que aproveite espazos como os ENIL da Xunqueira de Alba e o Gafos ou o sendeiro fluvial do Lérez

Os candidatos socialistas no peirao das Corbaceiras PSdeG-PSOE de Pontevedra

Para o PSdeG-PSOE debe ser "prioritario" avanzar cara o saneamento integral da ría de Pontevedra e do río Lérez, espazo que queren converter no eixo de rutas turísticas e un ámbito para realizar actividades lúdico-deportivas. 

Así o explicaron os socialistas nas inmediacións do peirao das Corbaceiras, a onde acudiron para mostrar o compromiso do seu partido cun modelo de cidade saudable, que aproveite espazos como os ENIL da Xunqueira de Alba e o Gafos ou o sendeiro fluvial do Lérez.

Neste eido, Paloma Castro salientou a iniciativa dos responsables da Urban Culture Factory, Milo Castelo e Toño Escudero, para poñer en marcha, co apoio do Concello, un programa que permitirá facer deporte e explorar as ribeiras do río Lérez sobre táboas de paddle surf

"Cremos que os deportes alternativos, como o skate, o kayak, a patinaxe, a escalada ou o propio paddle surf, por suposto xunto ao ciclismo, xogan un papel moi importante no fomento dun modelo de cidade saudable", apuntou a candidata socialista.

O programa do PSdeG-PSOE, recordou Paloma Castro, aposta pola habilitación de espazos libres como áreas de deporte na rúa, que poidan complementar as instalacións pechadas e facilitar a práctica deportiva e os adestramentos ao aire libre.

Entre outros proxectos para a cidade, os socialistas anunciaron a intención de impulsar dende a Xunta de Galicia a creación do primeiro parque de calistenia de Pontevedra.

Ademais, incidiron na necesidade de que a cidade deixe de estar "de costas ao río" e comece a "aproveitar ao máximo" os seus recursos turísticos e de deporte ao aire libre.

Neste esforzo terían un papel importante, entre outros programas, o plan para o deporte terapéutico dirixido aos maiores e o plan de turismo deportivo, nos que traballan os socialistas para implantar en Galicia se acceden ao goberno tras as eleccións do 12 de xullo.