Os socialistas propoñen novos usos para o antigo asilo e o Provincial, creando dúas prazas públicas

Pontevedra
11 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Que Pontevedra conte con dous equipamentos "que leva demandando desde hai moitísimo tempo", unha residencia universitaria pública e un centro sanitario no casco urbano. É a dobre proposta que presentarán os socialistas no próximo pleno da corporación municipal

Iván Puentes, Yoya Blanco e Paloma Castro PSdeG-PSOE de Pontevedra

Que Pontevedra conte con dous equipamentos "que leva demandando desde hai moitísimo tempo", unha residencia universitaria pública e un centro sanitario no casco urbano. É a dobre proposta que presentarán os socialistas no próximo pleno da corporación municipal.

Esta iniciativa xira en torno a dous inmobles ben coñecidos pola cidadanía, o antigo asilo de anciáns de Loureiro Crespo e o Hospital Provincial, según desvelou este luns o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Iván Puentes.

Os socialistas reclamarán que o Concello e a Xunta colaboren coa Universidade de Vigo para adquirir a antiga residencia de maiores de cara a rehabilitala e transformala nunha residencia universitaria que dea servizo a unha boa parte dos catro mil alumnos do campus.

Pontevedra, destacou Iván Puentes, sempre tivo un "déficit histórico" en prazas de residencia, sendo o único campus galego que non ten unha, un problema agravado tras o peche hai anos dunha das dúas residencias privadas que existían, a situada en Eduardo Pondal.

"Isto fai que moitos estudantes en vez de vivir entre semana en Pontevedra opten por residir fóra ante a falta de espazo e os elevados prezos dos alugueiros", subliñou o edil socialista.

O antigo asilo é un lugar "preparado" para acoller esta residencia, porque "xa tivo estes usos", non ten "ningún tipo" de complicación urbanística e, ademais, conta cunha ampla zona verde na súa parte traseira duns 6.700 metros cadrados que se podería abrir á cidadanía.

Esta área, que segundo o portavoz socialista, é o triplo de grande que a Praza da Ferrería, serviría para dotar a esta zona da cidade "tremendamente compacta" dun gran espazo de lecer, "perfectamente compatible" para os usuarios da residencia e para o resto da cidadanía.

Con respecto ao Hospital Provincial, a proposta do PSdeG-PSOE é crear, antes do remate das obras do Gran Montecelo, unha mesa de traballo para definir e acordar un plan de usos para este centro hospitalario que, en todo caso, defenden que siga tendo uso sanitario.

Puentes considera que "é o mellor emprazamento" para, por exemplo, un servizo de urxencias extrahospitalario, unha unidade de saúde mental comunitaria, camas para enfermos crónicos, un hospital de día para persoas dependentes ou un centro de atención integral a drogodependentes.

A idea é que cando o Gran Montecelo entre en funcionamento "xa teñamos perfectamente planeados" os usos do Provincial, empregando o inmoble para reforzar a atención sanitaria en determinadas especialidades que, hoxe en día, están "deficientemente cubertas" na cidade.

Esta proposta incluiría a rehabilitación patrimonial de todo o conxunto. Deste xeito, o PSOE suxire que a mesa de traballo que estude as necesidades de uso sirva tamén para determinar o futuro dos bloques anexos ao edificio histórico, prescindindo dos que sexan "innecesarios".

Isto permitiría, asegurou Iván Puentes, gañar ata 10.800 metros cadrados para a creación dunha gran praza pública entre Joaquín Costa e Loureiro Crespo, que "practicamente tería o tamaño do parque da Alameda" e que estaría situada "no corazón da cidade".

O edificio histórico do Provincial, sen eses engadidos que se fixeron co paso do tempo, serviría tamén para acoller a Facultade de Enfermería, que tería "novas instalacións e mellores condicións formativas das que teñen na actualidade".

A moción do PSdeG-PSOE recibiu xa o voto en contra do PP na comisión previa ao pleno, pero Puentes espera que os populares "saiba estar por riba da circunstancias" e poñan os intereses dos veciños "por riba dos intereses do seu partido".

"Que non sirvan de ferramenta útil para desculpar unha vez máis o desmantelamento dun equipamento sanitario e para restarlle máis calidad á atención sanitaria pública en Pontevedra", pediu o líder socialista. "Ou gaña Pontevedra ou gaña a excusa do PP para desmantelar o hospital coa complicidade de Rafa Domínguez", sentenciou.