Os socialistas piden que a Xunta interveña no peche de Abanca en Campo Lameiro

Umia
20 de agosto 2021

O grupo socialista no Parlamento de Galicia alerta de que este peche vai repercutir moi negativamente na calidade de vida de toda a poboación, sobre todo na de máis idade que terá que trasladarse 8 quilómetros ata a oficina máis próxima en Moraña

Paloma Castro, no Parlamento galego PSdeG-PSOE

A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar unha batería de iniciativas na Cámara galega para instar á Xunta de Galicia a que inicie de inmediato as xestións oportunas para que Abanca manteña a súa sucursal no concello de Campo Lameiro.

O peche da oficina bancaria, previsto para o 8 de setembro, sinala que "afectará sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio".

A maiores, indica a parlamentaria pontevedresa, a veciñanza "deberá desprazarse a sucursais doutros municipios como Moraña (a 8 quilómetros) ou Cerdedo-Cotobade (a 13) para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precise".

Deste xeito, Paloma Castro alerta de que este peche vai repercutir moi negativamente na calidade de vida de toda a poboación, especialmente "na de máis idade, á que lle é imposible acceder ás novas utilidades tecnolóxicas coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados da sucursal".

Castro demanda "a inmediata intervención das administracións públicas" e apunta que "a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos".