Os socialistas piden explicacións a Rueda sobre os atrasos na construción do Gran Montecelo e na dragaxe do Lérez

Pontevedra
07 de abril 2021

O Partido Socialista critica as palabras do vicepresidente da Xunta de Galicia na súa visita ás obras de construción da estación intermodal ao calificalas como "mitin do PP nun acto institucional". Tamén reprenden ao alcalde Fernández Lores pola postura do BNG en Madrid ao votar en contra dos orzamentos do Estado

Presentación da licitación do Gran Montecelo Mónica Patxot

Os socialistas de Pontevedra emitiron un comunicado atacando a actitude de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, ao entender que utiliza os actos institucionais como un mitin do Partido Popular criticando os atrasos na execución das obras por parte do Goberno central na capital. Lamentan que o representante autonómico "só se achegue á capital para criticar as accións doutras administracións en lugar de dar explicacións dos atrasos das obras da Xunta e mesmo da responsabilidade do PP no atraso das obras na cidade".

Piden explicacións a Alfonso Rueda sobre o atraso na construción do Gran Montecelo, a pesar de levar doce anos gobernando na Xunta. Tamén se preguntan por que aínda non levou a cabo a dragaxe da ría, que se demanda desde hai 15 anos. Ambas as actuacións son competencia da Xunta de Galicia.

Afirman que o vicepresidente da Xunta actúa como un "bombeiro pirómano máis que como un responsable político que debería dar explicacións da súa  inacción nos temas máis importantes da cidade".

O PSOE convida a Rueda a preguntar a Ana Pastor, que foi Ministra de Fomento, por que non se fixo antes o Nó de Bombeiros ou por que non está finalizada a A-57. E contrapoñen na argumentación que o goberno que lidera Pedro Sánchez si comprometeu partidas con máis de 21 millóns de euros para a circunvalación pontevedresa ou 2,2 millóns para iniciar os traballos do Nó de Bombeiros.

Pero os socialistas tamén reprenden ao alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores polas súas críticas ao goberno central e lembran que o BNG puxo en perigo os investimentos en Pontevedra ao votar en contra os orzamentos do Estado. 

Arquivado en