O portavoz do Partido Socialista en Pontevedra, Tino Fernández, anunciou que no pleno deste martes debaterase unha proposta do PSOE para a elaboración dun plan de impulso e activación do comercio local. Segundo indicou, a situación require que o concello "se involucre na medida das súas posibilidades para activar e consolidar o comercio local".
Os socialistas sinalan que algúns fenómenos como as franquicias das grandes cadeas, os centros comerciais ou a venda por Internet, "fan que o comercio local se atope con dificultades incluso para subsistir e xa non digamos para medrar".
A súa proposta vai encamiñada á elaboración dun plan de activación do comercio, en colaboración cos axentes sociais, con catro liñas de actuación: o impulso á innovación, novas formulas de dinamización comercial, a mellora dos entornos comerciais, e fórmulas que favorezan a apertura de novos comercios (fiscalidade, axudas directas á contratación, etc)
"Trátase dun asunto estratéxico para a cidade e sería bo dar a mensaxe de que todas as forzas políticas remamos na mesma dirección", finalizou dicindo o portavoz do PSOE Pontevedra.