Os socialistas deseñan un plan para completar a humanización de Monte Porreiro

Pontevedra
06 de xullo 2020

Nunha visita a este barrio pontevedrés, os candidatos Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro garantiron que Monte Porreiro terá unha atención especial, a diferenza da "marxinación" que, segundo denunciaron, experimenta por parte do Partido Popular

Visita dos candidatos do PSdeG-PSOE a Monte Porreiro PSdeG-PSOE de Pontevedra

Para os socialistas completar a humanización de Monte Porreiro e reforzar un centro de saúde que o PP deixou "en pleno declive" será unha "prioridade" se acceden ao goberno da Xunta de Galicia tras as eleccións galegas do próximo domingo 12 de xullo.

Nunha visita a este barrio pontevedrés, os candidatos Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro garantiron que Monte Porreiro terá unha atención especial, a diferenza da "marxinación" que, segundo denunciaron, experimenta por parte do Partido Popular.

A número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE por Pontevedra denunciou que o goberno de Núñez Feijóo "está a argallar" o desmantelamento encuberto do centro de saúde, ao deixalo sen pediatra e con só dous médicos de familia e dúas enfermeiras para 8.000 habitantes.

"É absolutamente insuficiente para a poboación da zona e moitos veciños están a cambiar a súa tarxeta sanitaria para o centro de saúde da Parda", explicou Paloma Castro, que asegura que o Sergas "non fixo nin caso" aos escritos de protesta presentados pola veciñanza.

Pola súa banda, Rafael Cotelo lembrou que a Xunta anunciara no seu día "a bombo e platillo" un plan de humanización de Monte Porreiro que se ía desenvolver en catro fases, das que apenas se executou unha.

Para o candidato socialista, o grao de execución das obras comprometidas polo goberno do PP "é ínfimo" fronte ás actuacións doutras administracións, como o Concello ou a Deputación que están a impulsar o novo acceso á urbanización dende Tafisa.

Os socialistas anunciaron tamén a intención do seu partido de establecer unha tarifa plana universal dun euro no transporte metropolitano de Monte Porreiro.

Ademais de seren gratuíto para desempregados e pensionistas con ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional, este transporte debe contar, segundo o PSdeG-PSOE, coa calidade, horarios e frecuencias "que merecen os habitantes do barrio".