Os socialistas de Poio reclaman ao Concello que complete a actuación prevista na Puntada e Saíñas

Poio
06 de outubro 2023
Actualizado: 19:36

Os socialistas destacan a importancia desta actuación, que supón unha rehabilitación integral dun entorno que se atopaba degradado

Visita á actuación levada a cabo en Portosanto PSOE de Poio

O grupo municipal do Partido Socialista reclama ao Concello de Poio que complete a actuación prevista na Puntada e Saíñas.

Os concelleiros do PSOE visitaron as obras de rehabilitación levadas a cabo nestes núcleos de Saíñas, Portosanto e A Puntada unha actuación, prevista e iniciada no anterior mandato, que contou cun investimento de 937.753 euros.

Os socialistas destacan a importancia desta actuación, que supón unha rehabilitación integral dun entorno que se atopaba degradado e solicitaron do actual goberno "que impulse as fases pendentes e complete a actuación como estaba previsto".

Por último lembraron o seu compromiso coa recuperación dos entornos tradicionais e a mellora das condicións das persoas residentes no municipio. 

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Fontes do goberno local respostaron ás demandas do grupo da oposición que "antes de completar as actuacións o que hai que facer é solucionar as chapuzas e problemas que deixou o anterior Goberno sen arranxar".

"Non contan nada novo", engaden. Lembran, ademais, que hai días xa que o alcalde Ángel Moldes mantivo unha reunión cos veciños para recoller as demandas e peticións que teñen, "e practicamente a maioría son incidencias que quedaron da mala execución da obra ou inconvintes que non souberon solucionar, como por exemplo que vai pasar cos estacionamentos ou cos sentidos nas rúas". 

Para o equipo de goberno "estas cuestións son o primeiro que hai que solucionar, as chapuzas e problemas que deixaron como herdanza", reiteraron.