Os socialistas aseguran que "cando chegou ao Goberno, Ana Pastor perdeu o verniz de pontevedresa"

Pontevedra
14 de febreiro 2014

Nunha resposta do Goberno ao deputado socialista pontevedrés Guillermo Meijón, o Ministerio de Fomento recoñece que non fixo ningún contacto nin coa Xunta nin coa Deputación para poñer en marcha a estación intermodal da cidade de Pontevedra

O deputado socialista por Pontevedra Guillermo Meijón acaba de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno na que o Ministeiro de Fomento recoñece que non realizou ningún contacto nin coa Xunta de Galicia nin coa Deputación de Pontevedra para realizar a estación intermodal de Pontevedra.

Meijón lamenta "o nulo interese do Goberno e, especialmente da ministra Pastor, neste proxecto".

O deputado socialista recorda que, "cando Ana Pastor estivo na oposición como deputada, pediu a estación intermodal como un proxecto prioritario para Pontevedra e, non obstante, agora que chegou ao Goberno ningunea este proxecto, a Pontevedra e aos pontevedreses", polo que afirma que "cando chegou ao Goberno, Pastor perdeu o verniz de pontevedresa".

Meijón advirte "o paradoxo dunha Ana Pastor que di ter a clave para realizar este proxecto: só hai que ter vontade política para facelo. Pero ela non a ten e non o fai".

E engade o deputado socialista que "noutro caso estariamos a falar de cinismo político por parte de Pastor". Entende o ex concelleiro pontevedrés que a minista está agora "na mellor disposición para realizar este proxecto como ministra dun Goberno Central do PP e cunha Deputación e unha Xunta de Galicia nas que goberna o seu mesmo partido".

Finalmente Guillermo Meijón lamenta que o Goberno se limite a "obras de mínimos que nada teñen que ver coas expectativas que formulou cando era pontevedresa".