Os socialistas apremian o traslado da Xefatura Provincial de Tráfico a Campolongo

Pontevedra
17 de outubro 2014

Os socialistas sinalan que "dende o punto de vista da racionalidade do servizo público non parece moi comprensible que se teñan investido máis de 4 millóns de euros na adquisición dun baixo e logo non se acondicione para o fin para o que foi adquirido"

Local adquirido polo Ministerio de Interior fronte a sede da Xunta en Campolongo PontevedraViva

O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentará, diante do Pleno da Corporación, unha moción sobre a necesidade do urxente acondicionamento da nova sede da Xefatura Provincial de Tráfico en Campolongo.

O Ministerio do Interior adquiriu no ano 2008 un baixo de 1.429 metros cadrados situado nun edificio entre as confluencias das rúas Eduardo Blanco Amor e Luís Braille, a carón das sedes administrativas da Xunta de Galicia e a Axencia Tributaria.

O investimento realizado alcanzou os 4.140.736 euros e, daquela, prevíase un prazo máximo para a entrada en funcionamento da nova Xefatura de tres anos. As últimas previsións, expresadas por responsables da Subdelegación do Goberno, falaban dunha posible entrada en funcionamento cara o ano 2012. Chegados xa á recta final do ano 2014 non hai previsión algunha para unha obra de acondicionamento interior.

Os socialistas sinalan que "dende o punto de vista da racionalidade do servizo público non parece moi comprensible que se teñan investido máis de 4 millóns de euros na adquisición dun baixo e logo non se acondicione para o fin para o que foi adquirido".

Por todo elo, propoñen ao Pleno que se dirixa ao Ministerio de Interior para presentar, "canto antes", proxecto de acondicionamento e apertura do local e manifestar a plena colaboración do Concello para buscar usos alternativos ao local existente na entreplanta da rúa de Joaquín Costa, 56, no marco da actual normativa urbanística.