Os socialistas acusan á Xunta de incumprir o convenio para rehabilitar o Pazo de Lourizán

Pontevedra
13 de febreiro 2019

A deputada socialista Patricia Vilán lembrou que a recuperación do inmoble ten un custe estimado de 14 millóns de euros e o goberno galego non fixo "nin unha soa obra"

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

A deputada socialista Patricia Vilán acusou este mércores á Xunta de "deixar en ruína o Pazo de Lourizán" ao incumprir o convenio de cooperación polo que a Deputación cedía o uso do inmoble ao goberno galego obrigándolle á súa conservación. A parlamentaria pontevedresa lembrou que a recuperación do inmoble ten un custe estimado de 14 millóns de euros e o goberno galego non fixo "nin unha soa obra".

Explicou que o Pazo "é propiedade da Deputación Provincial, pero a responsabilidade de conservación é de vostedes", que "pretenden que un patrimonio cultural de toda Galicia se desfaga polo seu desleixo mentres agardan a que sexa unha empresa e non vostedes", en referencia á pasteira Ence.

Respondeu así aos argumentos do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que aludiu a un acordo coa empresa para rehabilitar o inmoble a cambio de 60 anos de prórroga.

A socialista sinalou que o goberno galego "non ten renunciado devolvéndolle a cesión á Deputación, quizás agardando ás eleccións municipais, a ver se recuperan a Deputación".

Denunciou que o PP e o goberno galego queiran "escaquearse" da súa obriga a 2 anos do remate dun convenio que ten durado 30 anos e que finalizará en 2021.

"Durante esta etapa o goberno galego deixou ao albur dos elementos" ao edificio histórico de aire romántico construído no século XIX e que se atopa agora nun estado "lamentable", con varias zonas nas que non se pode garantir a súa seguridade estrutural, ten zonas invadidas pola maleza e a cara sur da cuberta estase a afundir.