Os socialistas acusan a Núñez Feijóo de "esquecerse das mulleres"

Pontevedra
30 de xuño 2020

Paloma Castro, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE por Pontevedra, explicou que se os socialistas gobernan en Galicia tras as eleccións do 12 de xullo crearán, como xa avanzara Gonzalo Caballero nunha visita á cidade do Lérez, unha consellería de Igualdade

Iván Puentes, Rafael Cotelo, Paloma Castro e Manuel Loureiro Mónica Patxot

Se as políticas de igualdade fosen unha materia educativa, os socialistas non dubidarían en suspender ao goberno de Alberto Núñez Feijóo. Consideran que o presidente da Xunta "esqueceuse das mulleres" e apenas se produciron avances nos últimos anos.

Paloma Castro, número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE por Pontevedra, explicou que se os socialistas gobernan en Galicia tras as eleccións do 12 de xullo crearán, como xa avanzara Gonzalo Caballero nunha visita á cidade do Lérez, unha consellería de Igualdade.

Así, ademais de "darlle un impulso importante" á igualdade na acción de goberno, o partido socialista promete dobrar o seu orzamento anual, impulsar novas políticas de igualdade ou resolver as "moitas carencias" que hai en Galicia na loita contra a violencia machista.

Entre outras cuestións, Castro censurou que o punto de encontro familiar de Pontevedra non reúne os "requisitos mínimos" de seguridade, a pesar de ser un espazo de "alta conflitividade" ao que acoden vítimas da violencia machista e menores tutelados.

O punto actual, situado nun lateral da antiga delegación de Sanidade, está nunha zona "sen saída e sen luz" e os seus usuarios, unhas 200 familias cada fin de semana, "poden correr serio perigo", sobre todo ante o risco de que as vítimas se atopen cos seus maltratadores.

Ademais, a candidata socialista lamentou que na "faraónica" obra dos xulgados de Pontevedra, a Xunta non mellorase as dependencias do xulgado de violencia de xénero, onde as vítimas "se cruzan cos seus agresores polos corredores" ou declaran sen privacidade.

Nun encontro informativo cos medios, o tamén candidato socialista Rafael Cotelo defendeu que o PSOE prevé aumentar un 20% o orzamento que a Xunta reserva á cultura e, entre outras medidas, potenciar a programación do Xacobeo 2021 en Pontevedra, reforzando á cidade como capital do itinerario portugués.

A sanidade, por último, foi o tema analizado por Manuel Loureiro, que lamentou que a ampliación de Montecelo sexa unha "lenta realidade" e que, desde que se anunciou este proxecto, "non se fixo nada" máis que confirmar a privatización dalgúns dos seus servizos.