Os sindicatos sanitarios continuarán coas mobilizacións ata que se abra unha mesa de negociación coa Xerencia

Pontevedra
23 de xuño 2020

As mobilizacións convocadas por CESM, CO-BAS e PROSAGAP comezaron en abril pola falta de medios humanos e materiais "sen que a Dirección se de por aludida"

Concentración de persoal do Hospital Provincial Mónica Patxot

Os sindicatos CESM Galicia, CO. BAS e PROSAGAP recibiron o apoio e as adhesións da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria e da Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra á manifestación convocada para o vindeiro venres 26 de xuño porque consideran que "a unidade e a loita" é a única saída para defender a sanidade pública.

A decisión foi tomada este luns pola maioría dos integrantes da citada Comisión, que se adhire a esta mobilización en defensa do sistema público de saúde. Tamén recibiron o apoio do sindicato CXT.

Os sindicatos convocantes anunciaron que mentres non se abra unha mesa de negociación coa Xerencia continuarán coas mobilizacións.

Convén lembrar que CESM Galicia, CO.BAS e PROSAGAP iniciaron as mobilizacións o pasado mes de abril, cando se atopaban en plena loita contra a pandemia, con senllas concentracións diante das portas dos Hospitais Provincial e Montecelo en demanda de máis recursos humanos e materiais.

As concentracións sucedéronse ao longo destes dous meses, e o pasado 29 de maio tivo lugar a primeira das manifestacións ás que acudiron centenares de traballadores dos Centros de Saúde, PACs e Hospitais da área de Pontevedra.

Os sindicatos advirten que, diante da falta de resposta por parte da Xerencia, "seguiremos coas protestas polo que consideramos unhas demandas xustas", conclúen.