Os sindicatos queren evitar multas que superan os 13.000 euros pola folga

Pontevedra
22 de novembro 2012

Os secretarios comarcais de CIG, UGT e CC.OO reclamaron ao Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, que evite trasladarlles as multas polas 15 identificacións que se produciron durante o 14-N

- Igual que el nos pediu sentidiño antes da folga do 14-N, nós tamén lle pedimos que non tramite unhas multas inxustificadas por indentificacións durante aquel día.

Rafael Iglesias, secretario comarcal da CIG explicaba así os motivos da reunión que o Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, mantivo esta mañá do xoves 22 de novembro cos tres máximos dirixentes na comarca de UGT, CC.OO e CIG.

Durante a xornada da folga xeral producíronse quince indentificacións por parte da Policía Nacional derivadas de incidentes protagonizados polos piquetes. O sindicato que saíu peor parado foi a CIG, sete dos seus representantes foron identificados polos axentes policiais encargados da vixilancia nas rúas. "Iso supón unha multa de 900 euros cada un" segundo afirmou Rafael Iglesias.

E engadiu "aínda que sexan recorribles polo contencioso administrativo hai que pagalas cando as notifican". O secretario comarcal do sindicato nacionalista indicou que, entre os identificados, se encontran Xabier Aboi da CIG e José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. " e son intervencións totalmente inxustificadas nunha xornada onde non houbo incidentes e transcurriu con normalidade. Non houbo ningún detido".

O Subdelegado do Goberno manifestou aos tres representantes sindicais, Ramón Vidal de UGT, García Pedrosa de CC.OO e Rafael Iglesias da CIG que, ata o momento, non recibiu ningún expediente sobre as incidencias desa xornada.

Arquivado en