Continúan as denuncias polo "caos" que, segundo os sindicatos, vívese a diario no servizo de Urxencias de Montecelo.
O facultativo e delegado en Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), Enrique Marra-López, indicou que este xoves ás 21 horas "quedaban en Urxencias pendentes de ingreso 20 pacientes", e este venres ás 8 horas "quedan pendentes de ingreso 7 pacientes".
Como exemplo da situación que se vive na área sanitaria, Enrique Marra-López relatou que o pasado domingo un médico do PAC de Cambados fixo un "tour sanitario" polo Salnés, "empezou a mañá no PAC de Baltar, a continuación fixo a tarde no PAC de Vilagarcía, e por último a noite no PAC de Cambados, afortunadamente trasladárono de PAC a PAC en taxi, todo un detalle". "E despois din que non colaboramos… así organiza esta dirección as urxencias extra hospitalarias", afirma este delegado de CESM.
Tamén se queixan pola organización das gardas de Medicina Interna, que "ten a numerosos facultativos fartos de tanta discrecionalidade" porque "non hai cadencia algunha, a repartición non é equitativo".
PAC DE MARÍN
Por outra banda, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de demandar "un segundo médico nas urxencias do PAC ante os problemas de atención vividos na primeira fin de semana de xullo e o aumento da afluencia de persoas no concello co inicio das festas do Carme" que comezan este sábado, 9 de xullo.
A Plataforma explica que nesa primeira fin de semana de xullo, "só houbo unha médica para un concello de 24.000 habitantes e que recibiu un importante número de visitantes coincidindo coa concentración de motos". Varios veciños trasladaron á plataforma "a situación de saturación do servizo, con moita xente agardando por ser atendida e a médica desbordada, facendo o que podía". Nese sentido explican que "algúns deles acabaron en Montecelo, cunha saturación aínda maior, corroborando as denuncias feitas estes días polos profesionais".