Os Reis Magos necesitan 300 'cómplices' en Pontevedra

Pontevedra
09 de decembro 2014

As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar necesitan un pouco de axuda para que ningún neno pontevedrés quede sen regalo. Os Reis Magos contan coa Asociación 365 sorrisos, que canalizará a súa colaboración de dúas maneiras: coa tradicional recollida de xoguetes usados e despois buscando 300 'cómplices'

Xoguete tirado ao lixo PontevedraViva

As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar necesitan un pouco de axuda para que ningún neno pontevedrés quede sen regalo. Os Reis Magos contan coa Asociación 365 sorrisos, que canalizará a súa colaboración de dúas maneiras: coa tradicional recollida de xoguetes usados e despois buscando 300 'cómplices'.

En primeiro lugar, todas aquelas familias que queiran darlle unha segunda vida a aqueles xoguetes que xa non usan poderán entregalos no Local número 4 da Praza de Valentín García Escudero. O horario é de 19:00 a 21:00 horas.

Como novidade este ano se pon en marcha o sistema "Tira do lazo". Consiste en que aquelas persoas interesadas en ser cómplice dos Magos de Oriente compren regalos aos nenos e adolescentes de familias sen recursos ou con grandes necesidades económicas. Estes menores escriben unha carta aos Reis pedindo "dous ou tres regalos de non máis de 35 euros" dos cales os cómplices escollerán un para que todos os nenos "estreen polo menos un xoguete novo".

Os improvisados reis non chegarán a coñecer ao menor porque a súa identidade se preservará a través dun código. Pero isto forma tamén parte do encanto da iniciativa, ou se o prefiren, do espírito do Nadal.

O Concello de Pontevedra avala esta iniciativa que se desenvolve por sétimo ano consecutivo.

Todas aquelas persoas que queiran ser "cómplices" dos Reis Magos poden descargar aquí a ficha que deberán cubrir e presentar seguindo as instrucións contidas nesta.