Os Reis Magos inician un ano máis a súa procura de 'cómplices' en Pontevedra

Pontevedra
23 de novembro 2022

A Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños impulsan un Nadal máis a campaña (en)Volve para que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo

Agasallos dos cómplices do programa en(Volve) Concello de Pontevedra

Que ningún neno, nena ou adolescente en situación de risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal é o obxectivo da campaña (en)Volve, que un ano máis pon en marcha a Concellería de Benestar Social de Pontevedra en colaboración coa Fundación Meniños.

A iniciativa lanzouse á procura de 'cómplices' que axuden aos Reis Magos a chegar aos fogares menos favorecidos.

A campaña iníciase con antelación para facilitar o seu éxito, sendo posible anotarse a través do seguinte formulario.

Unha vez confirmada a participación como 'cómplice', recibirase unha carta dun menor a través do whatsapp na que figurarán tres opcións de agasallo, debendo escoller unha cun custo que non supere os 35 euros.

O agasallo deberá entregarse no prazo máximo de dúas semanas tras a recepción da carta, na oficina de Meniños situada na Casa Azul.

"Animamos os cómplices dos Reis Magos a inscribirse e a que compren nos comercios da cidade", sinala o edil de Benestar Social, Marcos Rey, ante o inicio dunha nova edición do (en)Volve.