O alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado, presentaron o programa de actividades que o Concello da Lama porá en marcha este Nadal.
Haberá obradoiros, música, espectáculos infantís, unha saída a Pontevedra para que os cativos poidan participar nas atraccións do Recinto Feiral, un concerto solidario e unha cabalgata de Reis Magos acompañada por unha "batucada real".
Así, este sábado 16 de decembro, ás 19 horas, chegará ao Multiusos da Lama a obra de teatro "Ladrón de risas", de Expresión Producións, dentro do programa "Tornar ás táboas", que impulsa a Deputación de Pontevedra.
Ademais de poñer en marcha unha nova edición do programa Concilia Nadal en colaboración coa ANPA Cal do Vergazo, o Concello da Lama traerá, en colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea, o 21 de decembro ata o Colexio a Papá Noel que repartirá agasallos e caramelos entre a cativada. A continuación, a caravana de Papá Noel paseará pola vila.
O sábado 23 de decembro celebrarase un obradoiro de decoración floral especialmente pensado para adornar as portas e fogares en Nadal e será impartido de 11:30 a 13:30 horas no edificio da antiga Escola-Obradoiro de Emprego. Será gratuíto e está pensado para que asistan tanto nenos como adultos.
O 26 de decembro e o 3 de xaneiro tocaralle o turno ao Nadal de Cine coa proxección no Multiusos das películas "Os Minions-A orixe de Gru" e "Tadeo Jones 3", respectivamente, que se proxectarán ás 17:30 horas.
O 27 de decembro haberá un espectáculo de maxia ás 17:30 horas no Multiusos, baixo o título de "Ilusiónate" mentras que o sábado 30 de decembro terá lugar unha actividade pensada para toda a familia: "Contos á luz das estrelas".
O Concello organiza, en colaboración coa ANPA, para o venres 29 de decembro unha viaxe gratuíta para nenos da Lama a Pontevedra para participar nas actividades recreativas instaladas no Recinto Feiral. O autobús sairá ás 16 horas desde as inmediacións da Casa Consistorial da Lama.
O martes 2 de xaneiro, os Carteiros Reais percorrerán todas e cada unha das parroquias do municipio para recoller as cartas escritas polos máis cativos da casa facendo unha pequena parada e amosando un espectáculo de rúa. As cartas serán recollidas nunha urna especial para logo seren entregadas ás Súas Maxestades Os Reis Magos.
O xoves 4 de xaneiro terá lugar o "Concerto Solidario de Nadal", que contará con agrupacións musicais vencelladas co concello como Os Catro Ventos e a Banda de Música Municipal da Lama. Esta actividade terá lugar ás 20 horas no salón de actos do CEIP da Lama ao que se poderá acceder previo depósito dun quilo de alimentos non perecedeiros que serán entregados aos Servizos Sociais do Concello para seren repartidos entre as familias máis vulnerables do municipio. Ao remate, terá lugar unha chocolatada popular gratuíta entre os asistentes.
Este programa de Nadal rematará o 5 de xaneiro coa celebración da Gran Cabalgata de Reis que terá lugar a partir das 17:30 horas polas rúas do centro da Lama e estará acompañada por unha "Batucada Real" que acompañará ás Súas Maxestades que chegarán á Lama subidos nunha suntuosa calesa tirada por cabalos.
Despois de percorrer as principais rúas do centro da Lama, as Súas Maxestades ofrecerán ao público unha audiencia real no Multiusos da Lama. Os asistentes, ademais de deixarlle as cartas e as últimas peticións aos Reis Magos poderán levarse gratuitamente unha fotografía de recordo nun posado cos Reis Magos.