Os profesionais do mar están chamados a votar este sábado nas eleccións ás confrarías

Pontevedra
29 de outubro 2022

Todas as mesas electorais abrirán ás 10,00 horas e permanecerán abertas, na mayoría dos casos, ata as 14,00 horas, un horario de votación que nalgúns pósitos se estenderá ata as 16,00, 17,00 ou 18,00 horas

Os patrones maiores de Pontevedra, Bueu, Raxó e Lourizán PontevedraViva

As confrarías de pescadores de Galicia acollen este sábado a celebración dos terceiros comicios unificados -tralos de 2014 e 2018- para a renovación dos seus órganos reitores. 

Todas as mesas electorais abrirán ás 10,00 horas para iniciar as votacións das que sairán os representantes para os vindeiros catro anos dunhas entidades que agrupan a preto de 11.200 profesionais do mar.

A maioría das entidades celebrarán as votacións en horario de 10,00 a 14,00 horas e só sete delas contarán cun período máis amplo para exercer o dereito a voto. Son as de Carril e Pontevedra (que manterán aberta a mesa electoral de 10,00 a 16,00 horas), as do Grove, Noia e Vilanova (de 10,00 a 17,00 horas) e as de Cambados e A Illa de Arousa, que votarán de 10,00 a 18,00 horas.

Mentres, nas confrarías de Fisterra e Porto do Son non haberá eleccións pois as candidaturas presentadas coinciden co número de vogais da xunta xeral, co que todos os candidatos foron proclamados e xa non é preciso celebrar votacións. Polo mesmo motivo, en 18 confrarías só haberá comicios parciais -no colectivo de traballadores ou no de empresarios- pois nalgún deles as candidaturas coinciden co número de vogalías, co cal os candidatos xa foron proclamados como vogais.

As entidades nas que só haberá votacións no colectivo de traballadores son Ares-Redes, Caión, Foz, Mera, Miño, Palmeira, O Pindo, Rianxo, Ribadeo, Vilaboa e Vilaxoán. Mentres, as eleccións serán unicamente no colectivo de empresarios nas confrarías de Bueu, Carreira-Aguiño, Celeiro, Moaña, Portosín, Sanxenxo e Vigo.